O Centro Comercial Aberto e o Haley únense de novo para regalar bonos de desconto para asistir ao cine
03 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Os comerciantes de Carballo son dos que pensan que a unión fai a forza e, ademais, predican co exemplo. Por iso, por terceiro ano consecutivo, o Centro Comercial Aberto (CCA) e o Centro Comercial Bergantiños-Haley (CCB) veñen de unirse nunha orixinal campaña para agasallar aos seus clientes: a Primavera de Cine. A iniciativa, que foi presentada onte e comeza este mesmo luns, consiste, como en anos anteriores na entrega de bonos descontos entre os clientes dos máis de 160 comercios que participan no programa. Con eses vales, que cada empresario dará segundo o seu criterio, os clientes obterán descontos para asistir ás proxeccións de cine que ofrecen os Multicines Bergantiños. Así, con estes cupóns, a asistencia ás emisións de luns a xoves -excepto festivos- custará 4 euros, mentres que os venres, sábados, domingos e festivos a entrada será de 4,30 euros.
En total, segundo explicaron os organizadores, repartirán 4.000 bonos desconto (2.000 o CCA e o mesmo número o CCB), e confían en que a acollida por parte do público sexa similar á de anos anteriores, cando o 80% dos vales foron utilizados.
A xerente do CCA, María del Carmen Freire, destacou que aínda que as dúas asociacións de comerciantes son moi diferentes, «facemos sinerxías para atraer clientes, porque o que realmente importa e que todos os comercios sexan rendibles e que os carballeses gocemos dunha mellor calidade de vida», unha idea coa que coincidiu o director de márqueting de Gadisa, Antonio Cortés, quen destacou que a Primavera de Cine «fomenta a mellora e o desenvolvemento de Carballo e da bisbarra».
Pola súa banda, o alcalde carballés, Evencio Ferrero, utilizou un símil matemático para falar da colaboración entre ambas entidades: «A suma do CCA e do CCB da como resultado o CCC, un novo concepto, o de Carballo Centro de Comercio». Na súa opinión, a campaña poñerá en evidencia, de novo, que a vila «é un bo lugar para vivir e para comprar».?