Medicinas de ida e volta

Luisa Gutiérrez

CARBALLO

Alumnos da escola infantil Os Pequerrechos de Carballo levaron á farmacia restos de medicamentos para reciclar

16 feb 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Para os alumnos da escola infantil Os Pequerrechos de Carballo, onte foi un día moi especial. ¿O motivo? Os cativos saíron á rúa, na que brillaba o sol, empuxando carretas para deixar na farmacia da praza de Galicia medicamentos, coa fin de que sexan reciclados. Esta actividade enmárcase dentro do proxecto Reciclar é vivir, co que a escola participa no marco do programa Voz Natura, que promove a Fundación Santiago Rey Fernández Latorre.

Os pequerrechos levan todo o ano gardando as medicinas para poder levalas a un punto de recollida onde as reciclen. Pero esta non é a única actividade que levan a cabo. Durante todo o curso, os cativos, coas respectivas profesoras, reciclan multitude de obxectos. «Queremos que dende moi pequenos aprendan o valor que ten a reciclaxe na sociedade actual», comentou a directora do centro.

Saída puntual

Os nenos saíron da escola ao redor das 11.00 da mañá. Na entrada, esperaban as carretas cargadas de medicinas para ser levadas á farmacia. Como era un día de festa -na escola calquera día que saen á rúa a facer algunha actividade é unha auténtica festa-, a música tamén estivo presente.

Os pequenos, de entre dous e tres anos, xunto ás mestras, cantaron polas rúas de Carballo. «Como mola reciclar, mola, mola, como mola reciclar, mola mogollón», oíase a berros pola rúa do Hórreo da localidade.

A directora explicou que os rapaces están tan mentalizados que, mesmo, rifan aos seus pais cada vez que non separan o lixo. «A verdade é que están moi emocionados con este tema o que é moi importante e beneficioso para a súa educación».

Xa na farmacia, os pequerrechos chamaron a atención de todo canto veciño pasaba pola zona. E, despois de deixar os medicamentos na urna posta para este fin, as traballadoras do establecemento regalaron aos alumnos, que estaban emocionadísimos coa súa acción ecolóxica, deliciosos doces.

Inscricións

Por outra banda, aínda está aberto o prazo para inscribirse na nova edición de Voz Natura. O obxectivo deste ano é sensibilizar á sociedade da importancia das actuacións individuais para loitar contra o cambio climático. O proxecto está patrocinado polas consellerías de Medio Ambiente e Medio Rural, Sogama, Sogarisa e Leche Celta. Tamén colaboran Caixa Galicia e Coca-Cola.