Aos seus 28 anos este licenciado en Económicas é xerente da empresa Construcións Fermín Simal S.?L., que leva o nome familiar. A entidade é a adxudicataria que se encargará de construír o carril bici de Carballo. Este empresario, natural de Laxe, di que está moi contento co traballo que a súa empresa vai facer na localidade e explica que está previsto que os veciños poidan gozar deste servizo a partir do vindeiro mes de maio. -¿Como vai a obra de construción do carril bici? -Pois de momento estamos arrancando xa que comezamos a obra tan so hai unha semana. De momento, estamos dando os primeiros pasos pero todo vai moi ben aínda que é cedo para facer unha avaliación. -¿É complicada unha obras destas características? -É un traballo máis, que, como todo, leva o seu tempo. O certo é que vai ser a nosa primeira experiencia. Somos unha empresa pioneira na construción do carril bici na comarca. -¿Canto vai medir? -De largo medirá uns 1.400 metros e de ancho o carril para bicicletas será de dous. A maiores, ao lado desta vía discorrerá unha beirarrúa, doutros dous metros, pola que a xente poderá pasear. A obra completarase ca instalación de tubaxes pluviais, de saneamento e de abastecemento de auga. Sen dúbida, vai quedar moi ben. -¿Cantas persoas traballan na construción desta infraestrutura? -Neste momento son dez os operarios dedicados a estes traballos. -¿Cada canto tempo o avalían? -Todos os meses temos unha reunión ca dirección de obra onde facemos un repaso ao que se leva feito e determinamos outras melloras que temos que facer no traballo. -¿Que supón para vostede que a súa empresa fose elixida para dotar a Carballo dun carril bici? -Para todos os que pertencemos á empresa é un verdadeiro orgullo construír este carril. Levamos más de 30 anos traballando no eido da construción polo que todo o que sexa dotar de máis servizos a unha localidade para nós é moi positivo.