Unha proposta múltiple para hoxe

La Voz

CARBALLO

O programa cultural do Concello e as asociacións de Carballo vai gañando en intensidade a medida que pasan os días. Así, para hoxe están previstas tres propostas diferentes.

Para comezar, e en colaboración coa asociación de veciños San Salvador de Sofán, ás catro e media da tarde haberá unha proxección de cine no colexio público de A Gándara.

Ás seis chegará unha nova oferta do Nadal Pequespectacular, na que nesta ocasión se mesturan danza e teatro. Dende Extremadura chega a compañía Karlik Danza Teatro-Producciones Javier Leoni coa súa montaxe Niña Frida , na que unha muller adulta lembra os momentos máis importantes da súa vida. Trátase dun espectáculo especialmente dirixido ao público familiar, e recomendado para nenos a partir de sete anos.

A oferta lúdica desta xornada de venres complétase na ludoteca municipal, na que se vai celebrar a partir das sete e media a xa tradicional chocolatada de Nadal. É unha merenda aberta a todos os usuarios do servizo, que precisan ter unha invitación previa.

Pista de xeo

A maiores, a vila carballesa ofrece durante todas as vacacións a posibilidade de practicar a patinaxe sobre xeo na pista instalada no aparcamento do Centro Comercial Bergantiños-Haley. A carpa que a acolle está aberta pola mañá e pola tarde. A entrada custa 3 euros.