«Hoxe temos medios sofisticados para pescar sen botar explosivos»

CARBALLO

O representante dos pescadores considera que dende a marea negra do «Prestige» hai maior sensibilidade en temas de medio ambiente mariño

18 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Evaristo Lareo viviu en primeira fila, como representante das confrarías, as crises do Mar Egeo e do Prestige . Agora enfróntase a outros problemas como o prezo do gasóleo, os desencontros coa Consellería de Pesca ou o uso da dinamita, que xa case se consideraba erradicada.

-Leva xa moitos anos representando aos mariñeiros en distintos cargos. ¿Cando empezou?

-Xa non me acordo, coido que foi no 83. Ano tras ano ninguén estaba polo labor de levar a confraría de Caión. Había xente, pero aburríanse e manchaban. Daquela collina eu e dende alí fun indo, coñecendo patróns maiores doutros lados, e aquí seguimos... No 96 entrei de presidente de A Coruña. Foi cando a Mar Egeo . O presidente morrera e collín iso e a comisión polo Mar Egeo . Faltaba por cobrar todo, pero a través de Mariano Rajoy puidemos facelo. E empezou o Prestige , no mesmo ano e seguín na comisión do Prestige . Foi daquela cando a provincial de Pontevedra mandou un representante para a nacional e quedamos que un de A Coruña quedaría para a galega.

-Debe ser difícil compaxinar tantos intereses distintos.

-É moi complicado. Non é o mesmo a zona de A Mariña de Lugo que as Rías Baixas e a Costa da Morte. Nun sitio tes moito marisqueo e noutro máis pesca. Hai lugares moi conflitivos, onde tes nunha mesma ría 8 ou 9 confrarías que hai que poñer de acordo para facer os plans. Hai moito traballo por facer.

-¿Cal é o problema máis importante da pesca neste intre?

-Dende hai catro anos o problema principal é o prezo do combustible.

- ¿Por que?

-O prezo é unha renda. O día 24 celebraremos unha asemblea da Federación Galega en Santiago para tratar este problema. O caso é para denuncia. ¿Cómo pode ser que Repsol, que saca o combustible do mesmo depósito cobre diferente se poñen 500 ou 1.000 litros. Hai unha diferenza enorme e iso é unha carga para os barcos pequenos que non tiñan por que aguantala. Tamén me pregunto como é posible que en A Coruña, que temos unha refinería, paguemos o gasóleo máis caro de España, igual que en Baleares. No País Vasco, por exemplo, está a 10 céntimos menos. Ademais queremos que se subvencione tamén a gasolina, porque os barcos que van a ela deben pagala igual que para un coche.

-A xente pensa que este é un sector moi subvencionado, que pagamos o peixe catro veces.

-Queremos facer un estudo ben porque a diferenza é tremenda entre o que costa o peixe na lonxa e o que se paga por el en Madrid, por exemplo.

-¿É por iso que os rapaces non queren ser mariñeiros?

-Eu entendo que ao mellor hai que facer un estudo do sistema á parte que aínda que é bo, o pescador non ten nada seguro, non sabe o que vai gañar nos 12 meses do ano.

-Sempre foi así, din nos portos que hai que gardar das risas para as choras.

-Iso eran cousas dos nosos vellos, a xuventude non o ve dese xeito. Se un rapaz quere un coche e vai pedir un préstamo ten que presentar unha nómina.

-Se cadra co «Prestige» a xente soubo o que era cobrar cada mes.

-Si, non é o mesmo a forma de repartir os cartos. Cando o Prestige cobrábase cada 15 días.

-Cambiaron moitas cousas dende a marea negra.

-O Prestige cambiou a mentalidade da xente mirando polo mar. Hoxe tes calquera cousa de medio ambiente e soan todas as alarmas. A xente sensibilizouse moito a raíz diso. O que se nota tamén despois deses accidentes é que tende a desaparecer a flota. Despois do Mar Egeo tamén baixou. Debe ser por medo de que non haxa no mar onde gañar.

-Non parece que haxa tanta sensibilización co mar cando en Camariñas recibiron como heroes a presuntos usuarios de dinamita. ¿Que pensa diso?

-Eu estou sinceramente en contra da pesca con dinamita. Hoxe temos medios sofisticados para pescar sen botar explosivos. Hai que buscar a maneira de erradicalos do mar porque fan moito mal.

-Outra cuestión de actualidade son os problemas económicos das confrarías polo retraso nas axudas de Pesca. ¿Dependen tanto delas?

-Este ano colléronas por sorpresa. Estaban acostumadas a ter vixilancia e asistencia técnica e antes de rematar o ano xa sabías o que ías cobrar. A moitas colléronas sen nada feito, sen previsión de cando van cobrar e algunhas non poden aguantar.

-Moita xente pensa que deberían valerse por si mesmas.

-Cos socios e levándoas ben poderían chegar a iso, pero as confrarías son órganos de consulta e colaboración da Consellería de Pesca, unha especie de delegación nos portos e está obrigada a atendelas.

-Algunha como a de Corme está a pasar dificultades.

-As confrarías teñen que mirar o seu funcionamento interno. Hai que ver o motivo polo que foi tanto para abaixo dun ano a esta parte. Tamén hai que mirar a dirección, o funcionamento.

-Pero moitos dos socios non aportan nada e reciben moito. Por iso é que a xente di que paga o peixe moi caro, porque tamén o fai a través dos impostos que paga.

-Aquí en Caión é todo gratis, pero os mariscadores colaboran para a vixilancia. Si se cobrase todo o traballo que se fai xa quitabas un bo tanto para o mantenemento. Se non hai axudas terán que ser os cofrades os que paguen.

-Tamén parece que desde o «Prestige» baixaron as ventas nas lonxas pequenas.

-Cambiou o modelo de venda. Agora é raro o barco que non ten coche para ir A Coruña. É triste que a túa lonxa pasara de vender tres millóns a vender 120.000 euros. Temos que mirar ese tema.

-Quizais unha lonxa comarcal cambiara as cousas.

-Nós xa lla pedimos a Amancio Landín cando estaba de conselleiro. Creo recordar que propuxemos a zona de Vimianzo por considerar que era a máis céntrica. Cada confraría levaría unha porcentaxe das ventas, pero quedou todo parado.

-Un dos problemas é todo o que vai en negro, que ademais non é moita garantía para os mariñeiros que van á parte.

-Sempre houbo este problema. Xa hai dez anos que as federacións de A Coruña, Lugo e Pontevedra escribiron á Xunta dicindo o que pasaba. É un problema moi difícil de resolver.

-Outro é o furtivismo.

-Agora din que van poñer máis inspectores. Os que máis se queixan son os percebeiros e debería haber máis vixilancia nas zonas. Para as mariscadoras aínda é máis problema porque temen que sementar e os furtivos lles marchan con todo o traballo.