Os Concellos de Laxe e Ponteceso convidan aos veciños?ás primeiras asaduras de castañas da tempada
26 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.O outono é época de castañas. Aínda que o tempo non acaba de convidar a comer quente, a festas dos magostos seguen máis vivas que nunca, grazas, en gran parte, ás iniciativas dos concellos da bisbarra, que todos os anos por esta época organizan diversas actividades para convidar aos veciños aos froitos máis saborosos da tempada. É o caso do Concello de Laxe, que como o ano pasado, recupera os magostos para dinamizar os centros sociais da localidade. A primeira festa será este mesmo sábado, pola tarde, no centro social de Soesto, onde actuarán a asociación cultural Maruxía e os regueifeiros Xurxo e Antonio de Xornes. O domingo, o magosto trasladarase a Serantes, onde tamén estarán os regueifeiros e o grupo Os Abrochos. O día 3, a asadura de castañas será no patio cuberto das antigas escolas infantís, onde volverá a estar a asociación Maruxía e tamén haberá teatro co grupo Dinamo, que poñerá en escena, Ás Andadas , unha obra de humor acerca das celebracións populares de Galicia. Os seguintes magostos serán nos centros sociais de Aprazadoiro (día 4) e en Traba (día 14).? Os veciños de Laxe non serán os únicos que se divertirán neste tipo de festas, xa que o Concello de Ponteceso tamén está preparando un magosto para os de Corme. Será o día 9 de novembro, a partir das dez da noite, no pavillón municipal. Alí, ademais de castañas para todos os que se acheguen, haberá unha sesión de xogos tradicionais case esquecidos incluso para os máis maiores e, para ir abrindo o apetito, tamén música de gaitas.