En A Laracha arrancaron os Venres Teatrais, mentres que en Carballo continúa o FIOT
20 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.Os venres xa son días de teatro no Concello de A Laracha. Onte comezou o seu tradicional ciclo de Venres Teatrais e o fixo por partida dobre. Con función de mañá e de noite, para que ningún veciño quedara sen ver a obra que puxo en escena o grupo ceense Talía Teatro. Os alumnos do instituto Agra de Leborís foron os primeiros en rir con Quero ser grande , un espectáculo no que os actores, baixo as ordes de Artur Trillo, falan da delicada idade que vai da infancia á adolescencia, pero sen caer en falsos didactismos nin en discursos moralizantes.
A obra, que tamén puido verse onte pola noite, tamén na Casa da Cultura, estaba composta por seis escenas diferenciadas, nas que co humor como elemento básico, sacou a relucir os temores, complexos e obxectivos de moitos dos mozos de hoxe en día.
O ciclo de Venres Teatrais volverá á Casa da Cultura larachesa o próximo venres coa compañía Bartoleta Teatro e a obra Ataque verbal , baseada nun texto de Elvira Lindo e Miguel Albaladejo. O día 2 de novembro tamén poderá verse unha historia para todos os públicos: Casado de día, solteiro de noite, interpretada polos membros de Teatro Teruca Bouza. Trátase dunha comedia que narra a historia dun matrimonio que comeza a ter problemas e para intentar amañalos deciden contar co seu amigo. O ciclo rematará o 9 de novembro, coa posta en escena de Buh , na que Berrobambán Teatro rise do medo.
FIOT
Non só en A Laracha se pode pasar un bo rato coas obras teatrais. En Carballo continúa o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), que onte levou ao Pazo da Cultura a El chico de la última fila , unha historia na que un mozo de 17 anos consigue transformar a vida do seu profesor grazas a unha redacción. A compañía vasca Ur Teatro foi a encargada da representación e hoxe (21.00 horas, seis euros) tócalle a quenda aos madrileños de Sexpeare, que estrean en Galicia a súa última montaxe, For Sale . Unha esperpéntica comedia na que o dúo formado por Rulo Pardo e Santiago Molero conta historias tan orixinais, disparatadas e sorprendentes coma a dun carniceiro namorado da súa longaínza ou a dun asasino en serie que peitea os seus crimes. Unha verdadeira gamberrada.
O FIOT volverá a próxima fin de semana, coa representación de Julieta (venres, 26) e MAM. Modern art modern (domingo, 28).
Fisterra
Ese día tamén será noite de teatro na Casa da Cultura Sardiñeiro (Fisterra), onde a compañía de teatro Lope de Vigo representará (20.00 horas) a comedia Ide todos ao inferno .