As festas salpicarán durante a fin de semana toda a Costa da Morte

La Voz LA VOZ | CARBALLO

CARBALLO

As romerías de Montemaior e Remuíño serán as principais citas relixiosas Varias parroquias continúan coas celebracións na honra da Virxe do Carme

18 jul 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

É tanta a tradición da romaría de santa Margarida de Montemaior (A Laracha) que o lugar no que se celebra é coñecido como A Santa. O entorno da pequena ermida, recentemente rehabilitado, converterase mañá no punto de encontro de centos de devotos. Este ano haberá algunhas melloras, indica Rogelio Botana, organizador da festa, debidas, precisamente, ás obras realizadas no entorno, e precisamente para hoxe, ás dúas da tarde, está convocada unha xuntanza preparatoria. Os romeiros madrugarán para asistir ás primeiras misas, que se oficiarán de oito da mañá a unha da tarde. Á unha e media será a solemne, e pola tarde continuarán os oficios dende as seis ata as nove. Pero, aínda que a romaría ten un carácter marcadamente relixioso, a comisión tamén pensa nos veciños que teñen ganas de diversión. Para eles haberá bailes amenizados polas orquestras Xente Nova e Dinastía. O municipio larachés é un dos que máis festas concentra estes días, xa que na mesma parroquia de Montemaior continuarán os actos na honra da patroa, santa María Magdalena, mentres que os veciños de Lemaio homenaxearon a santa Mariña e os de Caión teñen ás portas as celebracións do Carme. Serán o sábado e o domingo, coas actuacións das orquestras Troco e Xente Nova, respectivamente. Ademais, o domingo, á unha da tarde, os barcos da localidade engalanaranse para render tributo á Virxe na procesión marítima. Son varias as localidades da Costa da Morte que continúan esta semana coas festas na honra da patroa dos mariñeiros. Na parroquia carballesa de Oza , o sábado haberá misa á unha da tarde e bailes coa orquestra K'Prycho, e o domingo, dedicado ao Sacramento, a parte musical correrá a cargo do conxunto Os Príncipes. Por se o tempo non acompaña, a comisión decidiu cubrir o campo da festa cunha carpa. O primeiro día das celebracións de Moraime (Muxía) será tamén o 21, e estará dedicado a san Antonio. A misa será á unha. O grupo Tornado amenizará a sesión vermú e pola noite volverá a tocar acompañado por Súper T. O domingo, día do Carme, a eucaristía tamén será á unha da tarde, e nos bailes que se celebran no entorno do histórico mosteiro estarán as orquestras América S. L. e Nova Moda. As festas do Carme remataron onte en Camariñas e no Briño (Borneiro-Cabana), pero no municipio cabanés xa está todo preparado para o próximo acontecemento: a romaría de santa Mariña de Remuíño, na parroquia de Corcoesto . A carballeira do lugar acollerá un ano máis aos centos de devotos que queren sumarse a unha festa de longuísima tradición, e na que destaca o rito pagán de recoller a famosa herba de santa Mariña, que, segundo a lenda, axuda contra a esterilidade feminina. A parte relixiosa ten moito peso en santa Mariña de Remuíño. As misas comezarán ás dez e repetiranse cada hora ata a unha e media, na que está prevista a solemne, cantada polos coros de Pazos e Corcoesto. Na sesión vermú actuará o grupo Noche de Gala, coa intervención estelar de Belén, a gañadora do concurso Son de Estrelas . Os romeiros tratarán de coller bo sitio na carballeira para compartir as tradicionais merendas, que prolongarán a celebración durante toda a tarde coa animación dunha charanga e os gaiteiros de San Xoán de Xornes. Para os nenos, a comisión ten preparadas varias atraccións, incluído o touro mecánico. Na verbena, Noche de Gala volverá ao escenario, ao que tamén se subirá a orquestra Son Latino, e xa á unha da noite haberá fogos artificiais.