Soneira de New Hampshire

La Voz S. G. | CARBALLO

CARBALLO

O mirador | Curiosidades dos apelidos Nunha apacible vila do noreste de New Hampshire reside un científico e empresario que leva o apelido, e ata o nome, de seu avó, oriundo desta bisbarra

02 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

New Hampshire é un estado rico e tranquilo que, por unha punta, toca no Atlántico, e pola outra, en Canadá. Alí mesmo reside Raymond Soneira e a súa familia. A súa dona, Julia, a e súa filla, Lauren, a piques de cumprir os 18 anos. A familia Soneira, dos Soneira de New Hampshire de toda a vida. O topónimo e logo apelido Soneira naceu máis ou menos polo que hoxe é a bisbarra do mesmo nome, evolucionada dende a terra neria dos nerios que a poboaban. Anos atrás, o historiador Xosé María Lema Suárez escribía neste mesmo xornal sobre os documentos de máis de mil anos que falan do commiso de Sonaria , de Seminaria ou de Somnaria . De aí, como en tantos outros casos, foron aparecendo apelidos Soneira. Hai hoxe, en Galicia, 848. O concello que máis ten é Muxía con 143, e no resto da Costa da Morte existen uns 300. Desta Soneira que hoxe é comarca (non sen pouca loita, por certo), partiu o avó de Raymond Soneira cara América. A Cuba, polo 1900. Alí casaría cunha muller de Vigo, e nacerían os pais de Raymond (o pai, outro Ramón máis). No 1930, marcharon aos Estados Unidos. Alí, en Nova Iorque, nacería Raymond, e ata hoxe. Así que el é, en certo modo, un soneirán, e por partida dobre. Non hai moitos Soneira en Estados Unidos, e algúns dos que o son contactan con el a través da web familiar, www.soneira.com. Pero non é un home que, semella, lle dedique excesivo tempo a estas cuestións, aínda que, como di, sempre está «interesado en aprender». E non o fai porque a súa vida é case de película, desa dos trunfadores académicos e empresariais. Raymond Soneira ten feito traballos científicos sobre cosmoloxía, relatividade, galaxias... O modelo co que se coñece a Vía Láctea chámase Bahcall-Soneira Model , precisamente porque o desenvolveu el e máis un grande da investigación como Bahcall no Instituto de Estudos Avanzados de Princeton, universidade pola que el é doutor en Físicas. Anos atrás, fundou a empresa Displaymate (www.displaymate.com, aí aparecen moitos datos científico-biográficos), con intereses internacionais e contratos con importantes compañías. Resumir toda a gama de produtos de alta tecnoloxía que leva a cabo é meta imposible. Raymond, sorprendido un pouco de que o contacten dende a Terra de Soneira, que non coñece pero non descarta facelo en breve, di que lle queda a dúbida de saber que lle pasaría ao seu avó. Cando estaba en Cuba, pillou a tuberculose e tivo que volver para Galicia, onde morreu. Supostamente, na mesma Soneira da que marchara. Pero algo del xa quedara na América, e foi chegando ata New Hampshire. ¡Se hoxe erguese a cabeza!