«O modelo de tripartito foi un fracaso»

Cristina Viu Gomila
Cristina Viu CARBALLO

CARBALLO

CASAL

Entrevista | Alberto Sueiro

24 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

?lberto Sueiro non é dos que pensan que val máis o malo coñecido que o bo por coñecer. Presentase por primeira vez a unhas eleccións como cabeza de lista. Nas outras candidaturas hai outros homes con moita más experiencia, pero el cre que é mellor a ilusión que a inercia. -¿Se consegue a maioría absoluta que é o primeiro que vai facer? -Gobernaremos sobre catro piares: o crecemento económico, a seguridade cidadán, o reequilibrio territorial e o benestar familiar. Tamén sacaremos adiante o plan de polígono, e o programa Carballo Quérete, de axuda as persoas que queiran vir a instalarse a Carballo. -¿E as parroquias? -O primeiro vai ser un saneamento integral en todo o territorio, que é a gran infraestrutura máis necesaria. -¿Canto tempo precisa para desenvolver o seu programa?? -Para poñelo en marcha é preciso non menos de dous anos, pero ao cabo de tres xa se ten que ver a dirección das accións de goberno. -Se non acada a maioría suficiente que vai facer. -Nos mantivemos unha postura hai 4 anos de respecto á decisión dos electores. O PP considera que debe gobernar a lista máis votada. No caso de Carballo estableceremos pactos de goberno con forzas que respecten o resultados das eleccións e que estean fundados nos intereses xerais dos carballeses. Actuaremos con coherencia. Hai 4 anos non cedemos ás pretensións dun grupo minoritario e non o imos facer agora. -Evencio leva 26 anos como cabeza de lista e para vostede é o primeiro. -Gobérnanos unha xeración que dentro de nada vai saír nos capítulos de Cuéntame . Non é bo nin para os partidos nin para os electores ter os mesmos políticos 30 anos de forma continuada. Nós buscamos o cambio e se son alcalde sereino por 8 anos porque os ciclos empezan e rematan. O do 79 está a punto de rematar. -A renovación vese en toda a lista. -Non basta co primeiro. Cando se idea o final dun ciclo tense que facer no seu conxunto. Nós apostamos por renovar a lista con xente que entra por primeira vez na política, pero que ten experiencias no tecido asociativo, no mundo empresarial e na actividade social. É importante que haxa unha renovación dos impulsos para non seguir coa inercia e traballar con máis ímpeto. Hai que evitar aos que se presentan ás eleccións por comodidade ou máis por intereses particulares que xerais. Non se pode ter un alcalde que pensa ceder ante todo con tal de ser alcalde ou un concelleiro que non defende os seus valores políticos con tal de exercer labores de goberno. -¿Cómo foi o goberno? -Eu coido que o modelo de tripartito foi un fracaso e non porque o diga eu senón porque eles mesmos se repudian. O alcalde critica a Andrade, o CDI di que non pactará co BNG e o PSOE afirma que non son marionetas de ninguén. Estivéronnos enganando catro anos e cando empezaron as eleccións quitáronse as caretas. Dende o punto de vista do balance non hai ningún proxecto que defina a historia destes catro anos. As catro propostas máis importantes fracasaron ou están a medias. É o caso do polígono, a revisión do plan xeral, a reforma do centro co novo mercado e a casa dos oficios, que está a medias e ten problemas de viabilidade. Hai proxectos que marcan un mandato. Os que identificaron a etapa do PP foron o Pazo da Cultura, a canalización do Anllóns, o saneamento da vila, o abastecemento de auga, a travesía e moitos máis. -¿Cómo foi a oposición? -Recoñezo que o PP non é moi hábil na oposición. Levamos moito tempo no goberno e necesitados un tempo de adaptación, pero traballamos con seriedade, formalidade e rigor. Foi unha oposición construtiva como demostra o feito de que nestes catro anos se aprobaran máis asuntos por unanimidade que nos outros catro. O PP antepuxo os intereses da colectividade aos seus propios e paramos temas cruciais como o proxecto para o xardín que tería sido un desastre de proporcións xigantescas.