Análisis | Romaría de San Fins
08 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.Abraioume, de certo modo, o feito de que o Concello de Cabana de Bergantiños estea a pedir o recoñecemento de festa de interese turístico para San Fins do Castro. A idea é moi boa e positiva, pero creo que non está enfocada no momento axeitado. A festa de San Fins precisa un impulso, e moi grande ademais, pero non deste tipo. Antes de pretender que sexa declarada de interese turístico, había que intentar recuperala, intentar facela volver ás raíces que no seu día a fixo unha das romarías tradicionais máis importantes de Galicia, por méritos propios, sen necesidade de facer solicitudes. Unhas raíces que hoxe en día se están soterrando cada vez máis, porque non existe unha organización pública (digo pública, porque entendo que é a única que pode facer algo) que dea a cara por ela e que faga o que teña que facer para recuperar a romaxe tradicional, desterrando malas costumes e avivando de novo o verdadeiro espírito da festa, ese que Saturnino fixo revivir anos atrás. A verdadeira tradición, aquela que tanta xente anhela e a única pola que realmente a romaxe merecería o recoñecemento de interese turístico. Unha vez recuperada, si sería unha honra para os veciños de Cabana que San Fins recibise esa distinción, pero nestes intres non, xa que o San Fins que se está a vivir arestora non ten nada de tradicional, e unha gran maioría dos cabaneses e incluso forasteiros devotos de San Fins, non nos sentiriamos para nada orgullosos de recibir este mérito, e volvo a repetir, neste momento e nas condicións nas que se atopa. Creo que é moi importante que un concello promocione o seu atractivo turístico e queira sacarlle o máximo partido, pero máis importante ca iso é o feito de velar polos intereses e satisfacer as necesidades do pobo, e os veciños neste caso non quedariamos compracidos, xa que o único que se pretende é poder vivir a nosa romaría tranquilos e ledos sen preocupacións, algo que agora mesmo non é posible facer. ¿De que serviría recibir galóns cando non se van a poder lucir con orgullo e sentimento? ¿De que serviría poñerlle unha garabata nova a un traxe desgastado e sucio? ¿Cren certamente que alguén podería presumir e sentir garbo con esta combinación? Eu penso que non. Farei, se mo permiten, unha proposta: que antes de nada intenten recuperar a romaxe con toda a súa tradición e poida rexurdir; igual que o están a facer outras moitas dos arredores; e logo si, o pobo de Cabana poderá sentirse fachendoso de que o festexo na honra do seu patrón reciba a cualificación que merece. Igual non é sinxelo, pero deberíase, polo menos, intentar. Unha vez resolto este punto o do interese turístico virá só sen necesidade de trámites, porque a romaría de San Fins volvería a posuír e transmitir o seu encanto. Un feitizo que nestes intres non podemos ollar porque o está a tapar unha grande mancha, que espero e desexo que algún día se poida limpar; que se pode; pero iso si, co interese e a axuda de todos.