Entrevista | Aurelio Sánchez
28 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.Aurelio Sánchez Seaone afronta as súas segundas eleccións como cabeza de lista do PSOE co obxectivo de romper a hexemonía do PP e introducir un «novo xeito de facer as cousas» no Concello de Coristanco. -¿Teñen posibilidades de romper á ampla maioría que teñen os populares? -Eu penso que si e con esa ilusión nos presentamos. O clima aquí é favorable a un cambio tras 16 anos de maioría absoluta do PP nos que se demostrou que o seu programa está esgotado malia que non cumpriron nin a metade. -¿Que pode aportar o PSOE ao goberno local? -Nós entendemos que hai que cambiar totalmente o xeito de facer as cousas e a política neste Concello porque ata agora gobernouse dun xeito case ditatorial e con prepotencia. Nós queremos devolver a democracia á vida municipal e escoitar tamén aos nosos adversarios políticos. Tamén imos ter en conta a opinión das asociacións e dos veciños. -¿Cales serían as primeiras decisións dun goberno socialista? -Xa entrando no traballo concreto, aquí hai moito que facer. Todos os concellos limítrofes con grandes cidades ou con pobos como Carballo crecen, pero aquí pasa xusto o contrario xa que perdemos poboación de xeito vertixinoso. Iso é algo que temos que solucionar facilitando que as empresas se instalen e creen postos de traballo. Mentres outros concellos seguen sen plan xeral, nós xa o temos desde fai varios anos, así que debemos aproveitalo. -¿O feito de que o PSOE goberne noutras Administracións pode ser unha baza electoral? -Todos sabemos que o que ten padriño bautízase, así que o feito de gobernar en Madrid, na Xunta e na Deputación favorecerá que nos escoiten se lles levamos propostas interesantes. Eu non sei que pasaría se alí gobernasen outros, pero co PSOE teremos liña aberta as 24 horas e iso é algo positivo para os veciños. -¿Hai posibilidade de pactos se o PP perde a maioría absoluta? -En democracia un dos pilares fundamentais é o diálogo para chegar a acordos, e nós estamos dispostos a buscar todos aqueles que sexan positivos para os veciños de Coristanco. -¿Está xa superada a polémica no seo do PSOE local pola súa designación nas anteriores eleccións? -É normal que cando hai cambios poda haber algún pique, pero os compañeiros decidiron que eu volva a ser o cabeza de lista e somos unha piña. -¿Qué destacaría destes catro anos na oposición? -Nós fixemos moitas propostas, que case nunca se tiveron en conta desde o goberno local, e apoiamos aquelas que nos pareceron positivas para o pobo. Ademais, estivemos sempre a carón dos veciños, escoitando os seus problemas e trasladándoos ao Concello.