Dúas noites de rock no D'Antón

La Voz

CARBALLO

Música | Zumbido e Grasa

28 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

O pub larachés D'Antón adiántase ao inicio da fin de semana e programou para esta noite a primeira das dúas novas veladas consecutivas dedicadas ao rock feito en A Coruña. Os integrantes do trío Zumbido -formado hai xa case unha década como cuarteto- tomarán hoxe o escenario do local para ofrecer un directo que eles mesmos cualifican de rápido, contundente e sobrado de enerxía en estado puro. A banda inclúe no seu repertorio versións de grupos como Mudhoney ou Nirvana, pero dispón tamén de numerosas composicións propias e, na actualidade, está a presentar o traballo que acaba de autoeditar no Dark Forest Studio. Dos seus sons grunge, Xoán Rábade Mato, Germán Gundín e Alberto López Posse, evolucionaron ata un punk máis experimental e no que hai cabida a ritmos propios de xéneros como ska e o reggae. Tras o concerto de Zumbido, mañá tocaralle a vez a Grasa, un sexteto formado hai tres anos, pero integrado por músicos veteranos que anteriormente tiñan participado en moitos outros proxectos musicais. Manuel Seoane (Enkueros e Peyotex), Rafael Hermo (Vagamundos), Diego Díaz (Enkueros, La Banda del Camión e Lagarto, lagarto) e Ricardo Costa (Big Band do Conservatorio) foron os catro fundadores dunha formación á que, tras a boa acollida dos seus primeiros concertos, uníronse Teresa Filgueiras, Pelusa, (Enkueros) e Antonio de la Prieta, Zanini, (Enkueros, Rexeited e Estrume). Despois dun cambio de nome puntual os seis se decidiron por retomar á denominación orixinal, Grasa, pecháronse nun estudo para compoñer e gravar o traballo discográfico que agora están a presentar polas salas e os locais de toda Galicia.