ARA SOLIS | O |

23 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

ATA AS casas dos personaxes literarios teñen mellor vida que as de algún heroe de carne e óso! O ano pasado, co gallo dos 400 anos do Quixote , incluso a suposta vivenda do Toboso que inspirou a Dulcinea cervantina recibía visitas e estaba ben preparada. Quen vaia pola Bretaña ou Cornualles sabe ben onde atopar os lagos e as covas e os bosques brocelandeses nas que habitaban as fadas e o Merlín. Son moitos, pero para iso eran magos e magas: vivían en todas ao mesmo tempo. Agora reviven cos turistas. En fin: médicos, pintores, músicos, escultores, arquitectos, literatos, homes de ben.... Todos, case todos, teñen a súa casa natal rehabilitada, sinalizada, convertida en museo, en arquivo, en centro de interpretación... Son ducias as que lembramos a pouco que viaxaramos. O maxín non me dá para máis, pero venme á testa unha vez, nun pobo perdido de Tierra de Barros, aló preto de Zafra, por Badaxoz. Atopara un fermosísimo museo dedicado a un poeta de quen me temo que a súa sona non pasara dos dous quilómetros á redonda. Pero alí estaban as seus cuartetos, todas chulas, expoñéndose ao visitante baixo os 40 graos de setembro. Fermosa terra aquela. E agora, veñamos á nosa, fermosa tamén. ¡Pero que non coida os fillos! A casa de Pondal é un milagre. Está tan ben que por iso é privada. Doutro xeito, canto habería que estaría abandonada. Pondal é un símbolo de Galicia, da Costa da Morte. E tamén Mourelle de la Rúa. Incluso de España. Hai que dicilo así, sen vergoña. A ver, outra vez: un símbolo de España. Daquela raza de mariños que podía con todo, incluso cos infortunios, máis poderosos que as ondas de dez metros. Dúranlle ata agora. A súa casa morre pouco a pouco. Podería ser un lugar de peregrinación para os amantes do mar, da aventura, das viaxes. para os veciños de Corme. Poder, podería. Pero cae a cachos. ¡Ai, Mourelle, se foses un heroe de conto, como o Merlín!