Concursos de disfraces enchen de comparsas as rúas da comarca

La Voz LA VOZ | CARBALLO

CARBALLO

Os bombeiros de Buxantes, Os Prejiceiros e Os Gatos compiten no día grande de Fisterra Os actos rematan en Carballo cun enterro da sardiña escenificado por Vagalume

19 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

?e as previsións meteorolóxicas non fallan, as comparsas volverán a encher as rúas neste martes de entroido, un dos días grandes das festas e o último na maior parte das localidades da Costa da Morte. . Despois do desfile do sábado, hoxe (18.00 horas) chega o momento de saber de que xeito se repartirán os premios de 1.500, 1.200 e 900 euros previstos polo Concello de Fisterra no concurso de comparsas máis tradicional da Costa da Morte. Pero antes de que o xurado emita o seu fallo farase entrega dos trofeos á raíña e ao rei do entroido, co cal se manterá a incertidume ata última hora. Agás que algún dos premios se declare deserto, todos os participantes terán recompensa, xa que son tres as comparsas que compiten: Os bombeiros de Buxantes, cunha crítica aos incendios do verán pasado; Os prejiceiros, cun endemoniado colorido, e unha invasión de gatos máis grande que a de Corme. . No edificio de servizos múltiples de Zas celébrase a partir das 19.00 un concurso de disfraces con premios e regalos para todos os participantes. Pola súa banda, a asociación cultural Adro preparou a súa propia comparsa, que sairá ás 17.00 do pavillón e percorrerá as rúas de Baio. . O entroido remata en Carballo. O domingo celebrouse o tradicional concurso de disfraces, no que se outorgaron todos os premios previstos -agás o especial Choqueiro de Bergantiños, que quedou deserto- e varios accésits. O máis importante, dotado con 450 euros, foi para a carroza Equipo Ja ; en tanto que Remando que isto se acaba acadou 220. En comparsas de adultos destacaron Cleopatra e os seus súbditos e Tetrix , mentres que nas infantís gañaron High School Musical, Os motoristas e Un, dos, tres . Por grupos, Operación Malaya e A ti cantas che daban foron os mellores de adultos, e Os berberechos do Anllóns e O viño do país , en infantil. Bajitos, pero con salero , gañaron en parellas, e, en individual, o adulto Este si que dio la lata , e os nenos Tío Liso, Festa da Pataca, Barbie Fashion, Abuelita, O labrego vai á feira y O queixiño . O programa de hoxe na capital de Bergantiños tamén chega cargado. Ás 11.30 comezarán na carpa da praza do Concello os obradoiros infantís. A asociación San Martiño de Razo celebra un baile para nenos e adultos, con merenda incluída, a partir das 17.00. Para os maiores, a Concellería da Terceira Idade preparou a xa tradicional festa no pavillón Bergantiños, onde haberá merenda e baile coa orquestra Super Combo. A charanga Os Chinchorros animará as rúas, e o enterro da sardiña pechará o entroido cunha escenificación a cargo de Vagalume Animación dende na praza do Concello ata o Parque do Anllóns. Haberá subvencións para os participantes. Vimianzo . Ás 17.30 partirá da praza do Concello de Vimianzo o desfile de disfraces, que percorrerá as rúas ata o polideportivo municipal. A festa trasladarase ao pavillón ás 18.30 horas. Haberá baile co grupo Leyenda e un concurso de disfraces con trofeos para os tres mellores nas categorías de comparsas, grupos e individual. . O polideportivo de Cabana será escenario dunha festa de 16.00 a 22.00 horas. Entre outras actividades está prevista a actuación de Os dous de sempre con As cantareiras , un espectáculo recomendado para maiores de doce anos, ás 17.30; concurso xuvenil de touro mecánico con premios nas categorías de menores de doce anos e de doce a dezaoito, ás 18.30; certame infantil de disfraces, con merenda para todos os inscritos e bolsas con material educativo para os dez mellores, ás 19.30, e concurso de comparsas cun total de cinco premios en metálico, ás 20.30. Durante a tarde tamén haberá actuacións de pallasos, atraccións inchables, degustación de filloas «elaboradas polas mulleres cabanesas» e baile co dúo Ciclón. . No último día do entroido, o Concello da Laracha preparou un concurso de disfraces que se celebrará a partir das 18.00 horas na praza do Concello. Haberá premios nas categorías infantil, parellas, grupos e comparsas, que se fallarán no descanso do baile no que actuará a orquestra Jerusalén.