Alejandro

MODESTO FRAGA MOURE

CARBALLO

IN MEMORIAM | O |

12 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

CREO RECORDAR que foi na primavera de 1998 cando intercambiei, cara a cara e por primeira vez, unhas palabras con Alejandro Campos Ramírez. Ata ese momento, o único que sabía del é o que todo o mundo coñece: «Alejandro Finisterre, o inventor do futbolín». E pouco máis. A partir dese encontro, e grazas á mediación dun amigo que nos presentou lixeira e arbitrariamente como os poetas de Fisterra -algo que a el, lóxico, lle causou moita risa e, a min, non menos rubor-, pouco a pouco, se foi forxando entre os dous unha sentida e respectuosa amizade que se intensificou nos últimos anos. Pouco despois volvemos encontrarnos na Coruña por unhas xornadas. En canto nos vimos fundímonos nun abrazo tan longo como emotivo que agora, nestes intres, custa rememorar sen caer no desalento. Nun momento dado, aproveitando a soidade cómplice na que nos deixaran o resto dos conversadores, pregunteille polos seus sentimentos acerca da vila que o viu nacer, dado que o esperpento motivado por mor da frustrada proposta plenaria de nomealo Fillo Predilecto un ano antes, provocaba en min serias dúbidas de que aquelas feridas fosen quen de cicatrizar en tan pouco tempo. A súa resposta, pausada pero contundente, non foi moi positiva para os que queremos e amamos este pobo malia que, despois de miralo fixamente aos ollos e en aras á verdade, motivos de peso non lle faltaban para sentirse doído. Con posterioridade, volvín falar con el persoalmente en varias ocasións. En setembro visitámolo no hotel María Pita da Coruña. Alí estaba, tan tranquilo e batallador coma sempre, a pesares de estar a piques de ingresar no Juan Canalejo para unha delicada operación. Falamos máis de catro horas. Días despois, xa coa alta, recibín un convite seu para asistir á entrega dos Premios León Felipe. A fundación que leva o nome do grande poeta del viento , unha das figuras capitais da lírica española do século XX, do que o fisterrán é albacea, foi sempre unha das súas grandes teimas. O 23 de xaneiro tiña unha nova cita con el na Coruña, a onde regresaba para coñecer os resultados da operación. Non foi posible. Chameino en reiteradas ocasións e o único que puiden oír, vagamente, foi a súa voz entrecortada como querendo despedirse. Quixen acudir ao seu encontro, retalo a unha partida máis coa vida, a un man a man ao futbolín... Pero nada. Marchou como viviu: en silencio e sen apenas palabras con que matar as horas.