Crónica | Presentación de «A casa de Lola de Andrés»
02 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.Tivo mala sorte a prestixiosa Academia de cine español ao facer coincidir no tempo -que non no espazo- a entrega da XXI edición dos premios Goya coa presentación, en Sardiñeiro, do documental, A casa de Lola de Andrés . E tivo mala sorte por que a diferenza da solemne monotonía que, duns anos para atrás, adoita acompañar o certame capitalino, na parroquia fisterrá triunfou o entusiasmo, a novidade, a arte na súa máis alta manifestación. Había moito tempo que na nosa bisbarra non se celebraba un acto cultural de tal envergadura, de tamaño compromiso cívico, social e humano. Un acontecemento singular pero capaz, á vez, de convocar a numeroso público de todas as esferas sociais, económicas e políticas. Conforme ao previsto, e cunha rigorosa puntualidade, fóronse achegando á vella fragua de Xerardo como posesos dun estraño meigallo centos de veciños, non só de Sardiñeiro, senón de toda á comarca pondaliana. Ao pé da porta, unha longa alfombra vermella dáballes a benvida aos curiosos asistentes: representantes do mundo cultural, da empresa, dos medios informativos, das duras artes do mar e o agro mais tamén, cómo non, da política. Todos asistiron estupefactos á chamada da historia, a ese antes e despois que devén dos acontecementos realmente importantes; aqueles que, por haches ou por bes, endexamais desaparecen da retina e da memoria colectiva. De pronto apagáronse as luces e apareceu, do máis fondo do silencio, a máxica voz do egrexio fotógrafo Ramón Caamaño. Era unha voz calada, pausada, se callar imaxinada. Algúns, froito da emoción, semellaban querer volver a vista atrás, como nos vellos tempos en que o nonaxenario artista muxián proxectaba as súas primicias cinematográficas no mesmo lugar que agora, medio século despois, apenas admitía unha alma máis para gozar do instante. En aras á verdade, cumpriría dicir que o pasado sábado, na vella ferrería, non cabía un só alfinete. A curiosidade, a expectación, o protagonismo compartido provocaban que, «mal e arrastro», atopásemos un ollo de Buñuel desde o que divisar o xenio creador desta artista con maiúsculas chamada Olaia Sendón. De sermos obxectivos -tarefa complicada e mesmo subxectiva- teriamos que falar de éxito rotundo, sen precedentes no espectro socio-cultural da Costa da Morte. As emocións individuais, reflectidas de maneira arbitraria mais nunca gratuíta pola autora do documental, fóronse transformando en sensacións colectivas intelixentemente coidadas até o máis mínimo detalle. Porén, na solaina de A casa de Lola de Andrés , casa común desde xa dos fisterráns e habitantes da Costa da Morte, todos se sentiron protagonistas, aparecesen ou non figurados na grande pantalla. Velaí o grande éxito de Olaia: a singularidade dun traballo brillante e orixinal capaz de convocar, de conmover e de espertar consciencias. Os que entraron vacilantes saíron asombrados. Os que, coma ela, pisamos a delicada alfombra vermella sen mirar atrás acabamos susurrando emocionados os acordes musicais de Silvia Penide. Afora, unha lúa case chea ocultaba os edificios a medio construír.