En directo | Uns grolos con Diego Ameixeiras O Premio Xerais descendeu ás profundidades do Silfo para facer unha prospección na súa escrita e na súa novela, «Tres segundos de memoria»
01 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.Non cabe dúbida de que a irrupción de Diego Ameixeiras no subdesenvolvido sistema literario galego foi como a caída oportuna e precipitada dunhas pedriñas de xeo nun licor café sen folgos e tirando a quente. O rapaz, que se dera a coñecer coa personaxe do detective Horacio Dopico, aparecía na illa de San Simón cunha camiseta preta que lucía a lenda Absolut Corruption . Xunto a el, Jaureguizar, que non gasta precisamente moito en fondo de armario, tamén cunha prenda da mesma cor. ¿Onde estaban os óculos escuros? ¿As chaquetas de pana? ¿As capas de maquillaxe propias dun defunto contemporáneo? Desa guisa recibiu o escritor, nacido na Suíza fai tres décadas, o Premio Xerais de novela 2006, que ademais de estatuíña viña acompañado dun sobre con prominente bandullo, o que lle permitiu saír da precariedade literaria na que, dalgún xeito, tamén vive o protagonista da obra galardoada polo xurado, Tres segundos de memoria . Dela falou na noite do xoves no Silfo, que acolleu o primeiro acto da serie de conversas organizadas pola Concellería de Cultura carballesa, unha interesante iniciativa que permitirá aos lectores achegarse aos seus literatos de cabeceira. Será o caso de Teresa Moure, que disertará a finais de mes sobre Herba Mour a no Valle Inclán, e de Francisco Castro, autor de Spam , que fará o propio no Patacón en marzo. Humilde, sinxelo (que non simple) e humano, Ameixeiras respondeu con paciencia ás preguntas dos asistentes, poucos (se temos en conta certos parámetros), pero implicados na arte dese alambique que destila palabras e que vén a chamarse literatura; no seu oficio, e ata nas intimidades do que se senta diante da pantalla co propósito de plasmar unha historia. «O feito de que a xente fale de libros en espazos non académicos, como pode ser este bar, está moi ben», explicou a La Voz o escritor, quen incidiu en que a proposta «aporta máis que as presentacións tradicionais, porque é menos aburrida». Algo que de feito acadou Literactúa, nome de bautismo do novo proxecto do departamento de Belén Lendoiro, que estivo presente no acto xunto con diversos persoeiros da escena cultural e dos movementos asociativos carballeses, incluído o propio presentador do coloquio, Xan Fernández. Unha vez finalizado o encontro, no que os congregados participaron activamente dende o comezo, Ameixeiras recoñecía que «se teño algo importante que dicir, está nos libros», pero tamén subliñou que agradece a opinión dos lectores (ou potenciais compradores da súa obra) e «ata que me poñan a parir, porque eu tómome mellor as críticas negativas que as louvanzas». E, volvendo ao principio, o tamén asinante de Baixo Mínimos restoulle importancia á imaxe (entre a cultura pop e a xeración post-rock) que pode desprender e á súa utilización por parte de editoriais e medios, falou moito da identidade, tamén dos seus coetáneos (os oitocentoseuristas ) e, ante o interese dos alí presentes, ata da súa concepción do sexo. Marchou como chegou: sen levantar fume, pero deixando un arrecendo de bonhomía e proximidade que é de agradecer.