Entrevista | Xosé Manuel Castro López A aldea pontecesana de Vilasuso «agocha» a un dos artistas máis valorados polos críticos especializados, que aseguran que a súa obra aporta unha nova significación ás pedras
27 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.Xosé Manuel Castro (1959, Vilasuso, Ponteceso) é un descoñecido na súa propia terra. É tímido e non lle gusta a publicidade, pero fóra da Costa da Morte é ben coñecido -e valorado- nas galerías de arte, onde os expertos o consideran como «un dos renovadores da escultura galega», representante «dun novo expresionismo con poética intrínseca». A súa obra pode verse actualmente en Madrid e Sevilla e a mediados do mes que vén exporá na praza coruñesa de María Pita. «Eu só fago exposicións para poder seguir comprando o pan», afirma cunha modestia que choca coa beleza dos seus traballos. -Empezou como canteiro na escola de canteiros de Pontevedra, pero a súa evolución levoulle lonxe dos cruceiros e fontes. -Si, as miñas raíces están na cantería e en ocasións traballei como canteiro e fixen algún que outro cruceiro, pero ese non era o meu camiño. Son escultor porque nacín para isto. -¿Había unha tradición familiar? -Non, en absoluto. De feito, antes que escultor fun pintor e cambiei pola afinidade que sentía coa pedra. Xa cando estaba na escola facía esculturas. Animoume moito Antón Castro, que daba clases de Historia da Arte na escola. Ocupaba un posto na Consellería de Cultura e moveu moito a miña obra e as dos meus compañeiros. Nos anos oitenta tiven moito apoio da Xunta. Agora só traballo con galerías. -O critico Benito Olivo cualificou a súa obra coma unha das máis sólidas e orixinais respostas dese a poética que permite a pedra, ¿que se sinte ao escoitar isto? -Iso supón que son moi amigo do crítico (ri). A verdade é que a miña obra si que é orixinal. Outra das miñas características é que sempre collo pedras da comarca. Non é un capricho, pero prefiro coller cantarolos da miña zona. Traballo o granito, o seixo e a pedra morceña, que é autóctona de aquí, é unha pedra negra, moi dura. Gústame traballar o que me rodea. Non as busco, aparecen elas. -¿Que é o que lle inspira que unha pedra se converta nunha escultura ou outra? -A mesma forma da pedra. Elas me din por onde teño que traballar. A súas formas suxiren a obra final. Busco o efecto máxico de sorprender ao espectador. Para min é máxico que partir dun material ríxido coma a pedra poida chegar ao movemento. Creo que consigo unha gran plasticidade. Deixan de ser pedras e adquiren unha nova significación. -¿Está ben considerada a escultura ou a maioría pensa que é unha arte «menor? -A escultura hai uns anos vendíase moi pouco e case non había exposicións. A partir dos anos oitenta empezouse a valorar, pero entendíase como algo monumentalista, para facer retratos e estatuas, pero agora enténdese máis como obra de arte en si mesma. Enténdese que ten unha propia linguaxe e que transmite emocións coma a pintura. Agora véndese máis escultura, pero menos que a pintura, aínda que hai un esforzo das galerías por desenvolver a escultura.