Avelina

VICENTE DE LEMA

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

18 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

MARÍA Avelina leva máis de oitenta anos palillando. A almofada foi o seu gran poder, a súa arma e a súa fonte de ingresos e de autoestima. O encaixe é a grande obra que as mulleres da Costa da Morte deixan para a historia. A arte xurdida das raíces do pobo, a imitación dun mar que lles daba o sustento e máis lle traía a morte de cando en vez. O fío da vida pasou polas mans desa muller e pola de moitas outras que non tiñan outra saída. O palillo era profesión, ocupación, sustento e diversión cando lle cadraba. Artesanía lle chaman agora, pero antes era pan para casas con moita falta. Tempos de labor á luz do candil con treboadas polos buratos dos tellados e pouca leña no lume. Seguro que Avelina e moitas como Avelina saberán daqueles tempos. Que bo que lle fixeran unha homenaxe. En Camariñas deron en algo intesante nos últimos tempos. Dende hai algúns anos sacan á luz do coñecemento local a heroicidade de moitas das súas mulleres que caladamente escribiron fermosas páxinas na memoria dos seus viciños coas súas grandes xestas no acontecer diario. Se non fose por esta teima, moitos labores que ben se lle podían atribuir a personaxes de novelas quedarían no silencio de sempre sen que ni tan sequera os máis achegados tivesen coñecemento de feitos que enchen de emoción. Avelina é unha palilleira que tivo a gloria dun día. O seu rostro enrugado saíu nos medios de comunicación, que ao día seguinte xa foron a outra cousa. Aínda así o seu exemplo quedou testemuñado. Mágoa dos centos e dos miles de Avelinas que sacaron a fame das súas casas coa súa arte moi apreciada, pero pouco pagada. Elas aínda non tiveron o seu día. É un pracer ver como aquelas mulleres facían bailar os bolillos na man, interpretando unha canción aprendida no principio dos tempos. Que non se esquenzan nunca delas.