«Pecharnos a un só tema parécenos algo estúpido»

La Voz

CARBALLO

Música | The Homens

17 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

Roi, Xocas e Martín Wu son os amantes das cebras máis solicitados polos promotores musicais do país. Fan power pop á feira, veñen de Santiago de Compostela e este sábado tentarán facer o amor e esquecer calquera outra perigosa acrobacia no concerto que ofrecerán en Carballo na Reserva. Alí presentarán os temas incluídos nos seus dous epés e, tal vez, adiantarán algunha peza do que será o seu primeiro e esperado longa duración. -Cantades en galego, pero lonxe da bandeira e da pandeireta. -Antes, o tema estaba encorsetado. Pero se facemos a nosa vida en galego, non hai ningún impedimento para escribir as letras no noso idioma. Pecharnos a unha soa temática pareceríanos bastante estúpido. -¿Plus ou hándicap? -Hai xente que di que en galego non lle interesa e outra que nos da unha oportunidade. Facer algo diferente na nosa lingua fixo que teñamos moi boa recepción. -2007, ¿ano The Homens? -Temos previsto parar un pouquiño para concentrarnos, porque dende que sacamos o segundo epé non descansamos. Corenta concertos, dado o tamaño deste mercado subdesenvolvido, non está nada mal. No verán, gravaremos o noso primeiro disco longo e a ver o que pasa. Non o podemos predecir, pero esperamos ter a mesma actividade. -Fostes teloneiros do novo grupo de Jota (Los Planetas), de Super Furry Animals e, mañá, abrides en Pontedeume un festival con Josele Santiago. ¿Como foron as experiencias? -Fantásticas. No caso de SFA, é un grupazo e unha xente marabillosa, cos que chegamos a botar unha pachanga de fútbol antes de tocar. Curiosamente, fan discos en galés e comentáronnos a situación que atravesa seu idioma, polo que conectamos ben. -¿Como plantexades o concerto de Carballo? -Somos bastante máis directos que en estudio. Pasámolo moi ben enriba do escenario e iso nótase. É un punto a favor, porque hai grupos que parece que están padecendo. Nós bailamos, tordeamos e rímonos. Ás veces, sáenos ben e, outras, mal, pero sempre tentamos dalo todo. E, por suposto, damos caña.