Señor Melchor

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

05 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

ESE BONITO nome, que evoca cercanías compostelás e pementos baixo parra en periodo vacacional, ten na Costa da Morte rasgos negativos. O padrón da comarca é unha lista que sempre decrece. Corcubión, onde proliferan as casas novas, quédase sen veciños. Pero peor é aínda o de Fisterra. O municipio que máis crece é o que máis decrece. Por se algún político aínda non se decatou, cómpre lembrarlle que a presión urbana e turística, que en xeral tanto afea os nosos pobos, serve, ademais, para subir os prezos da vivenda. O que antes, cun soldo cativo, quedaba na zona porque a comida e a vivenda estaban baratas, xa non conta con esa vantaxe. Así que non hai outra que coller as maletas. A expresión, de tan repetida, aburre, pero é máis real que nunca. Os avós pasáronas canutas na súa época, pero polo menos salváronse da nova escravitude voluntaria das hipotecas. Pagar por vivir. A metade do soldo por ter un teito. E na Costa da Morte semella que o único que creceu foi iso, o prezo dos pisos para quen os paga. Os políticos pasan o tempo, desde fai un par de anos discutindo cos seus amigos, os promotores, sobre se o Concello pon ou non pon o alcantarillado. Aos Reis Magos de Oriente pedímoslles un pouco de luz nos seus ollos, nas súas mentes copadas por solos urbanos consolidados e non consolidados. Pedímoslles tamén que non os deixe caer na tentación dos maletíns, e que os faga ver que están no cargo porque os seus votantes, tamén os parados e os que cobran pensións decorativas, os puxeron aí. Por todo iso esperamos que este ano os Reis fáganlles pensar en como atraer empresas, en como crear emprego de calidade, en como traer de volta dunha vez por todas aos de Tenerife. A ver se hai sorte e este ano as súas maxestades desterran o trapicheo de leiras e fan que os señores rexedores se poñan as pilas para loitar polo que deben.