Empresarios

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

03 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

O MUNDO da construción deu lugar, na Costa da Morte, a aparición dunha nova especie de empresarios, os avezados amantes do pelotazo rápido e das promesas de pracer que anuncia o ladrillo. Non é que dedicarse a construción sexa un delito. Hainos que fan ben as cousas, si, pero na comarca a golosina do chan repartiuse, moitas, veces, entre xente sen experiencia que non ten como fin facer boas vivendas, senón gañar cartos rápido. Este señores especuladores caracterízanse, no mellor dos casos, por aumentar as súas marxes de beneficio a costa de investir menos en calidade. Deles son eses bloques que atacan os ollos, eses que buscan rapiñar un baixo cuberta onde non tiña que habelo para sacar algún millón máis. Son tamén os que se dedican a comprarlle barato ao paisano para venderlle caro ás construtoras, que a súa vez estiran as normas ata o máximo e métenlle sablazos a turistas e locais. A lei semella ser: faino rápido, paga pouco e vende caro. Se cola xuliana por rape ou areeiro por linguado, tanto mellor. Colle o diñeiro e corre. Esa nova clase empresarial está a crecer na comarca. O seu éxito económico convérteos en modelos sociais. O empresario que se deixa os días mirando como ampliar a súa tenda, como abrir outra para poñer nela un novo empregado cun soldo digno, pasa por ser, dispensen a expresión, un pardillo . O que está de moda, o que é un símbolo de intelixencia, non é traballar polo desenrolo da comarca, se non, literalmente, a venda da Costa da Morte ao mellor postor. ¿Para que mandar aos fillos a universidade se liquidando as leiras vívese mellor? Nese modelo andamos. Ao 2007 pedímoslle que poña coto a especulación salvaxe, que acabe cos chapuzas e desterre a quenes fan catro plantas con licenza de tres. Tamén un reparto máis xusto da pouca riqueza que temos.