O «superheroe» das contas, en Carballo

La Voz S. G. | CARBALLO

CARBALLO

JOSÉ MANUEL CASAL

Crónica | Espectáculo numérico no Pazo da Cultura de Carballo Jaime García Serrano, un colombiano que se define como o «calculista matemático do século», abraiou onte aos alumnos do Parga Pondal coa súa habilidade mental

18 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

?ausou sensación. Como se fose un mago. Algo de prestidixitador de números si que é. Chámase Jaime García Serrano, e naceu en Málaga-Colombia, hai 50 anos. É calculista. Fai case calquera operación matemática, por complicada que pareza, en centésimas de segundo. Antes de que os que están ao lado obteñan o mesmo resultado empregando unha calculadora ou un ordenador. É tan rápido que case non espera a que se lle acabe de dicir un número e xa está soltando a resposta. -Raíz cadrada de 987.45... -¡993,7082..!-contesta. Esta foi a primeira conta que resolveu onte na terceira sesión que impartiu no Pazo da Cultura para os alumnos do instituto Parga Pondal de Carballo, adaptadas ao nivel dos rapaces: primeiro, para os de primeiro e segundo de ESO; despois, para os de terceiro e cuarto, e finalmente, para os de Bacherelato. Con estes últimos sorprendeu con esa raíz cadrada, pero non foi máis que o comezo. Dado que estes rapaces xa teñen uns coñecementos máis avanzados, García Serrano entretívose calculando máis raíces, logaritmos, senos, cosenos, arcosenos, tanxentes, arcotanxentes, cotanxentes, factoriales... Se para a meirande parte da poboación, mesmo cunha formación media, xa ten mérito saber facer todo isto cunha calculadora, sen ela é ata milagroso. Un atribulado alumno, sentado ao seu carón, íalle poñendo números que para calquer mortal serían imposibles, e aí estaba o bo de García dicindo 5,9554647646564..., ás veces de forma innintelixible, dada a súa rapidez. Unha gran pantalla detrás del ía ofrecendo as solucións. Trucos e aplausos Isto ocorreu na terceira sesión, pero a segunda foi algo máis accesible, aínda que nas tres, na parte final, adicábase a ensinar trucos para facer mellor as contas ou para quedar ben nunha reunión. Esa parte de showman foi, sempre, a máis aplaudida e venerada con berros de admiración. Un exemplo dos de quedar ben, que lles contou aos do segundo grupo: un ten que marcar na calculadora o seu número de zapato, multiplicar por cen, restarlle o ano de nacemento, multiplicar por cen, sumar o número de mozas ou mozos que tivese, cambiar a calculadora cun compañeiro e seguir, sumándolle 200.000 e sumar 500, sempre dándolle ao signo (=) entre operacións. Ver o resultado: as dúas primeiras cifras, o número que calza o compañeiro; as dúas seguintes, a idade do amigo, e a final, as mozas ou mozos que tivo. Outro que provocou moita interactividade. Cada un dáballe o ano, o día e o mes de nacemento, e o calculista respondía, inmediatamente, sen respirar, que día da semana era. Por exemplo, Abraham, que naceu o 9 de marzo do 91: sábado. E así con todos. Ten un millón de calendarios na mente. A un cuantos preguntáralles o nome ao principio e lembrábaos todos. Ademais de números, domina moitas regras nemotécnicas. E tamén lles ensinara a relacionar palabras. Así, ao final, foron sacando entre todos unha longa serie sen complicacións. Metas e disciplina Entre lección e lección ía contando cousas da súa vida. Como empezara con isto, de neno, grazas a un mestre que lle ensinou a manexar o ábaco. A importancia de fixarse metas na vida, de practicar (recomenda dous minutos diarios) e de impoñerse metas. De aplicar estratexias. Dixo que é un home normal, non superdotado. Viaxa por todo o mundo (estes días, por Galicia, convidado pola Universidade de Santiago), dando conferencias. E vende libros e cedés. Iso quedou moi claro. Ten sete e vai saír o octavo. Hoxe estarán á venda no instituto. Serven para aprender a manexar os números, anque a memoria é fundamental: é recomendable, por exemplo, saber todos os cadrados do 1 ao 99. Toda a súa vida e obra está na súa páxina, en www.jaimegarcia.com. Un personaxe, este home.