ARA SOLIS | O |
16 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.EN MUXÍA homenaxearán mañá aos mariñeiros do Francisco y Catalina que ían no barco que hai uns meses rescatou preto de Malta aos ocupantes dunha embarcación chea de inmigrantes sen papeis e sen futuro. É un recoñecemento ben merecido. Hai que dicilo ben forte, despois das cousas que se oen polas tabernas sobre a inmigración. O ser humano ten un gran defecto. Cando vive ben, xa non se lembra das dificultades e os malos mundos que tivo que sufrir. Ás veces fálase á lixeira sen pensar moito nas consecuencias do que se está dicindo e se por algo temos por que loitar é pola paz e a liberdade, na nosa terra e máis nas outras terras do mundo. Era algo que dicía o outro día o famoso Comandante Robert, o asturiano José Antonio Alonso que durante a última guerra europea loitou duramente na resistencia francesa contra os nazis. Este home condecorado polos galos achegouse á Costa da Morte para renderlle homenaxe a Máximo Ingilde, un dumbriés que foi un heroe onde os haxa. El só parou unha columna de nazis. No acto de Berdeogas falouse da traxedia, das penurias, das inxustizas e das desgrazas que se viven nunha confrontación como a que lle tocou vivir a este país hai setenta anos. «Nuestra mejor recompensa no puede ser otra que la paz», dixo o comandante Robert, que pensa que seu mérito non é outro que ter cumprido o deber dos homes libres. A dignidade é unha das medallas máis prezadas que unha persoa pode colgar no pescozo. E iso só se gaña sendo libre e comportándose con humanidade. Por iso, os mariñeiros de Muxía e Fisterra que rescataron a unha xente que apostara todo o seu futuro ao que o destino lles deparase é unha obra que os honra. Así que mañá recibirá un recoñecemento merecido. Aínda que non hai máis mérito ca o que cada un estima conquistado.