A natureza como recurso

La Voz C. A. | CARBALLO

CARBALLO

CASAL

O miradoiro | Iniciativas turísticas Axentes da Costa da Morte participan en Carballo nunhas xornadas sobre interpretación do patrimonio ambiental

14 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

Axentes culturais e socioeconómicos da Costa da Morte participan estes días en Carballo nun obradoiro sobre interpretación do patrimonio ambiental e cultural incluído no Plan de Dinamización Turística. Jorge Morales Miranda, experto na materia, é o encargado de trazar as liñas mestras sobre un labor aínda precario en toda a zona, e nese sentido o contido do curso abrangue aspectos básicos: o destinatario da interpretación do patrimonio, que resgos interpretar, sinalización e paneis explicativos, sendeiros e itinerarios... e outras facetas pouco desenvolvidas no territorio das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra. A formación é intensiva, xa que as clases celébranse de 09.30 a 14.00 e de 16.00 a 19.30 horas. Aínda que se trata dunha iniciativa moi xenérica, os asistentes terán a oportunidade de aplicar os coñecementos adquiridos ao territorio no que desenvolven o seu labor xa a partir do mes que vén. Os días 14 e 15 de decembro celebraranse, tamén no Pazo da Cultura de Carballo, unhas xornadas sobre recoñecemento dos recursos do territorio, ás que poderán sumarse todas as persoas interesadas. A matrícula é gratuíta, pero, debido a que as prazas son limitadas, requírese inscrición previa nos números de teléfono 981 200 250 e 981 630 618, ou tamén no correo electrónico formación@ceida.org. Os obxectivos desa nova experiencia serán dar a coñecer os espazos protexidos da Costa da Morte, poñer en valor outros recursos naturais e bens patrimoniais da zona, xerar vínculos entre a poboación local e os seus recursos e potenciar a participación veciñal na mellora e na conservación do patrimonio. Con esa intención pasarán por Carballo expertos como Carlos Vales, director do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia, organizadora das xornadas; Rogelio Fernández, subdirector xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade da Xunta; Matilde González, arqueóloga, ou Begoña Bas, técnico do Museo Arqueolóxico e Histórico Castelo de San Antón.