ARA SOLIS | O |
11 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.O PRESTIGE segue botando peste. Igual que as feridas difíciles de curar, vai supurando incansablemente. Un pus en forma de irisacións que matan o noso mar pouco a pouco. A lesión provocada polo petroleiro grego non sanda con facilidade. O doente segue manifestando síntomas agravados por males históricos nunca afrontados. A agresión sufrida foi de tal calibre que dificilmente o corpo do enfermo poderá volver ao seu estado natural. A Costa da Morte non se mira coma un espazo exótico que se respecta pola súa beleza e as súas posibilidades de desenvolvemento razoable, senón coma animal fero ao que se quere domear a golpes e a paus para que tire do veo sen dar un chisco. Seguimos manifestando aqueles síntomas das rexións desnortadas a mercede de quen máis pode e de quen máis aproveita. A nosa historia continúa escrita por xentes de paso. Non hai unha continuidade no discurso. Lamentablemente, non somos quen de facer manter un criterio, unha proposta entendible para o universo que nos observa. Prestige e The Serpent , ou tamén Cason , entre moitos outros, son os que van facendo a nosa crónica, da que son protagonistas outros. As mulleres de Camariñas fixéronlle unha homenaxe aos mortos no naufraxio do Serpent . Coas oracións e cos seus cánticos lembraron a todos os náufragos da nosa costa. Unha imaxe sinxela que tanto di. Un acto para repetir todos os anos e, a falta do gran monumento ás nosas vítimas do mar, hai que dar por bo o Cemiterio dos Ingleses, un espazo para a concordia dos pobos. Aínda resoa a música das mulleres de Camariñas. Voces con vida para honrar a morte anónima ou con nome e apelidos. Mentres, a ferida do Prestige segue supurando a máis de 200 millas e tamén por dentro do seo deste Fisterra que non se fai dono de si mesmo.