ARA SOLIS | O |
03 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.A MAREA negra persiste. Hai rochas varudas que aínda amosan o tinte vergoñento do Prestige. Son grandes pingueiras que aínda se conservan e que constitúen unha testemuña de tempos revoltos, de agresión á nosa costa. O litoral quedou tinguido e nós, marcados para sempre. Mentres que seguiamos cos brazos en cruz diante de tan dantesco espectáculo, miles de voluntarios limpábannos as nosas pedras e as nosas areas. Non hai nada peor que desprezar a solidariedade e as boas intencións da xente. Un sorriso retranqueiro pode facer máis dano ca unha arma afiada. A crueldade ten moitas caras. Unha delas é facer mofa de quen enche os sentimentos de esforzo e repárteos coma quen dá pan nunha praza chea de famentos. Aínda hai quen garda no faiado bidóns daquel gasóleo que repartían para ir limpar o chapapote, ou botas, ou traxes de augas. E aínda gardarían máis se puidesen. O Prestige, lamentablemente, tamén deu para andar as quebras, doutra maneira, pero tamén. Non foi como aquel Nord Atlantic , o petroleiro alemán que espallou miles e miles de toneladas de gasóleo despois de chocar contra as Quebrantas do Medio na ría de Camariñas cando fuxía da aviación aliada. A xente dos portos limítrofes ía coas súas motoras á enseada a encher caldeiros e bidóns. Eran tempos, pero non cambiaron tanto. Eran imaxes do desenvolvemento, da penuria económica. Da marea negra pasamos agora á marea gris. A das cinzas que enchen as praias de borralla, que é o máis baixo que hai. Non hai nada máis desprezado que a borralla, que nin sequera serve para abonar as leiras. Agora afogamos na borralla que queda polas rúas como unha masa pegañenta que é imposible sacar do calzado. ¿Non veñen agora voluntarios? ¿Acabaríase a solidariedade? ¿Ou xa non tragan? Xa nin damos mágoa.