A ATALAIA | O |
27 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.ACABAMOS DE regresar do segundo Congreso Internacional de Onomástica Galega, organizado pola Asociación Galega de Onomástica (AGON) e celebrado en Pontevedra do 19 ó 21 de outubro. Alí estivemos, representando ás comarcas da Costa da Morte, o mellor que puidemos, Fernando Cabeza Quiles e quen subscribe; el encargouse de falar da Onomástica de Carballo e comarca de Bergantiños, eu da Onomástica histórica de Berdoias (Vimianzo), de 1607 a 2000 . Un dos participantes foi o profesor boloñés Francesco Benozzo, doutor pola Universidade italiana de Bolonia, quen falou sobre revolucionaria Teoría da Continuidade Paleolítica. Na súa opinión, «existe unha afinidade de tipo arqueolóxico e xenético que demostra que esta era unha área compacta no Paleolítico e Galicia é o núcleo orixinal; a poboación céltica seguiu ao norte e chegou a Irlanda, que se estaba formando como illa». Esta afirmación cadra co dito non hai moito, tamén en La Voz, polo británico Bryan Sikes, que aseguraba que a colonización de Gran Bretaña e Irlanda viñera da antiga Galicia (o titular era que se confirmaba a lenda de Breogán). En base a todo isto, seica Galicia non só céltica, senón protocéltica: Benozzo, xunto con Mario Alinei, retrotraen dalgún xeito o celtismo á época megalítica, e isto reforza, como non podía ser menos, a riqueza patrimonial das antas e mámoas da Costa da Morte, que sen dúbida vai cobrar así un gran protagonismo. Pero neste Congreso houbo tamén outras comunicacións interesantes. Unha delas, a do ourensán Vicente Feijoo, que falou sobre Os nomes das pedras do SE. de Ourense . Axudado das correspondentes imaxes, fixo un percorrido sobre os nomes dos penedos (alí chamados fragas ) destas comarcas do sureste ourensán, en base a motivacións moi diferentes: referencia aos animais, funcións de vixía e demarcación, lendas, formas e aspectos, sons característicos que producen... Rematou amosando ós asistentes dúas páxinas completas de La Voz sobre os Penedos de Pasarela, publicadas hai uns meses; loou este traballo e mostrou interese por coñecer de primeira man este singular patrimonio natural da Terra de Soneira. Outra comunicación moi interesante foi a de Xulio Concepción Suárez, catedrático do IES de Pola de Lena (Asturias) e doutor en filoloxía. Quizais haxa lectores da comarca de Fisterra que o lembren, pois dispensou clases de Literatura Castelá no antigo instituto de ensino medio de Cee entre os anos 1976 e 1979, xunto coa súa esposa Marisa Cossent. Alí nos coñecimos, cando eu era profe do veciño onstituto de FP Fernando Blanco de Lema, e foi moi emotivo reencontrarnos despois de tantos anos. Interese polo asturiano Quizais movido polo interese que aquí viu que había polo idioma galego, Xulio empezou a interesarse polo asturiano e hoxe presenta un vastísimo currículo de publicacións sobre o idioma da súa terra (toponimia, onomástica, léxico, lendas...) e da súa comarca de Lena en particular. Quen estea interesado polo seu exemplar traballo, pode consultar a súa páxina web www.xuliosc.com. Desde o Seminario de Estudos Comarcais trataremos por todos os medios de que volva a Cee falarnos das súas experiencias didácticas e traballos.