Cousas de cans

FRAN EIRÍS

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

17 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

COMO DE costume, a semana pasada saín a correr un pouco. Unha mañá decidín dar unhas voltas arredor da zona escolar e do pavillón de deportes da rúa Vila de Noia, unha mazá pola que transita un número considerable de persoas, moitas delas rapaces, por atoparse non só as instalacións deportivas e a piscina, senón tamén o colexio Fogar, o instituto Alfredo Brañas e o parque do Chorís. Pero tamén é un lugar ideal para atoparse coas -por outra banda, frecuentes de máis- deposicións caninas, xa que tampouco é raro ver a persoas paseando cos cans. Os beneficios da compañía de tan gratos animais é, sen dúbida, inestimable. Todo o mundo pode disfrutar deles, pero tamén están obrigados a recoller os seus excrementos. Algo que non tería que supoñer tanta molestia para os seus donos, porque non pasa nada por metelos nunha bolsiña e logo tiralos nun colector de lixo. Aínda que, por fortuna, neste grupo non nos atopemos todos os propietarios de cans, lamentablemente si que teño que dicir que nunca vin a ninguén en Carballo recoller as deposicións cando sacan a pasear os cans. Iso quere dicir, por unha banda, que o comportamento cívico dalgunhas persoas deixa bastante que desexar, porque deixar as cagadas dos cans ás portas do colexio non é pensar moito nos demais. E, por outra, que a xente non fai demasiado caso das normas, xa que existe unha ordenanza municipal de protección e tenencia de animais na que se especifica que está prohibido deixar as deposicións na vía pública. Claro que a xente non o saberá a non ser que os sancionen economicamente. Se esa é a única solución, quizais deban empezar a multar aos infractores, porque vivir nun concello limpo sempre é moito máis agradable que vivir nun concello cheo de porquería. E porque mantelo limpo é algo que depende de todos os que nel habitamos.