Inversión de futuro

| FARRUCO GRAÑA |

CARBALLO

NOVOS TEMPOS

05 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

UN ANO daqueles no que os invernos comezaban alá polo 20 de agosto (salvo pequenas excepcións, como os Miragres de Caión, o San Martiño e pouco máis) unha gris autoridade política do réxime roldaba o instituto de Carballo no seu coche oficial. Quedaba inaugurado o centro de ensino de bacharelato que había de ser referente comarcal por moitos anos. ¿Como é posíbel que se demorara tanto a súa chegada? ¿Como é posíbel que, en xeral, a aposta pola formación na nosa vila fora tan feble? Se estás xogando ao tute e non arriscas unha sota para ver de trincarlle o 3 aos rivais, poida que aforres dous puntos, mais perderás a ocasión de gañar dez. Unha actitude releona e pouco ambiciosa caracterizou o comportamento das autoridades locais durante moito tempo. E non só nos referimos ao cargo político do momento; tamén, a todas aquelas persoas que, desde o seu ámbito de acción e decisión (burguesía económica, funcionariado, referentes culturais, etc..), non apostaron decididamente pola incorporación da vila (e da comarca en xeral) ao mundo da formación académica, ao mapa das titulacións. Non podo evitar, con certo rubor, lembrar un comentario no Aucasa, de camiño a Compostela: «En Carballo hai tantos universitarios que daría para facer un campus». Á hora de falar de titulacións académicas temos que referirnos ao mundo dos ciclos formativos, a FP. Foi a prima probe do ensino. Cando se elaborou a Lei Xeral de Educación estaba previsto esixir a EXB para facer FP. Pero a cousa quedouse no Certificado de Estudios Primarios. O desfase entre un e outro tipo de formación estaba servido. As connotacións pexorativas, igualmente. «O que val, instituto. O que non, FP». Pasados catro anos, tiñas un título de BUP (e COU) que só servían para seguir estudando. Cun título de técnico auxiliar, a especialidade correspondente. Vamos, que sabías (mellor ou peor) un oficio. Outro tema é a cuestión da calidade da formación. Nunca interesou fomentar con todas as consecuencias a FP. Sempre foi máis barato encher aulas teóricas que talleres (coa súa correspondente maquinaria e instrumental). Con todo, desde mediados dos 80 foise corrixindo este desfase. Alí onde se investiu diñeiro en ciclos formativos (de grado medio e, sobre todo, de grao superior) a poboación non identificaba o mundo da FP co exército dos torpes. Non. Máis ben vía unha oportunidade para adquirir unha formación de calidade cun oficio que desenvolver desde os 18 ou 20 anos. Ademais, con posibilidades reais de colocación nun prazo non superior aos seis ou nove meses. Claro, se toda unha vila se dedica a facer o mesmo ciclo, entón non será tan doado conseguir traballo. A oferta ten que ser ampla e diversa. ¿Como está o mapa de titulacións na comarca bergantiñán? A perspectiva que hai que adoptar é esa: comarcal, non local. E contamos coa proximidade de dúas cidades como A Coruña e Compostela, que nos aportan un sen fin de oportunidades. Un bo servizo de bolsas de transporte debe compensar este esforzo para desprazamentos. Mais, centrémonos na comarca. Consultando a páxina web http://edu.xunta.es/fp podemos comprobar que a comarca de Bergantiños ten un aceptábel acceso ao mundo das titulacións. Temos unha situación estratéxica. Xa o comentamos. As comunicacións deben mellorar, sobre todo cara a Costa da Morte. Mais non podemos pensar que todo vai estar á porta da casa. En ningún concello. Unha visión integradora do mapa de titulacións fará da nosa unha comarca atractiva no que a formación se refire. Unha política ambiciosa de fomento do estudio de ciclos formativos mediante bolsas de transporte (ademais das correspondentes axudas para libros....) é indispensábel. Neste tema, sempre os esforzos serán poucos e nunca o gobernante debe consolarse dicindo que fai máis que nunca. Debe manter o conseguido e melloralo.