ARA SOLIS | O |
13 sep 2006 . Actualizado a las 07:00 h.ESTIVO A piques de ser esmagado polo camión do lixo nunha rúa da Coruña. O día do seu cumpreanos. Só de pensalo, pónselle a un carne de galiña. Coma un náufrago que saca a man para pedir socorro, Wilson Sandro Lozada Aroni axitou o brazo pedindo socorro cando unha onda de desperdicios se lle veu enriba a causa da forte corrente producida pola máquina trituradora. Foi o que lle salvou a vida. Javier López e Manuel Marta, os operarios da recollida, non daban creto ao que vían. Un home no contedor a punto de ser tragado coma Xonás cando a balea o enguliu enteiro e o vomitou aos tres días. ¿Qué ocorreu para que Wilson caese no ventre do camión? Non o sabe. Ou foi obxecto dunha pesada broma ou dunha agresión. A cal peor. Os autores dos feitos deben sentirse fachendosos do seu acto, que puido acabar coa vida do inmigrante de Laxe de forma tan gratuíta como irracional e inexplicable. É difícil moitas veces poñerse na situación de quen, por divertirse, tira a unha persoa nun contedor co perigo de que na madrugada sexa picado en anacos por unha máquina. A falta de sentido, posiblemente anubado polo alcool ou quen sabe se por outras substancias, pode ser o desencadeante dunha traxedia. O que xa sería moito máis grave e debería dar lugar a unha investigación por parte das autoridades é se detrás do suceso hai unha agresión intencionada de carácter xenófobo. Sería lamentable que esta motivación fose realmente a que acabase con Wilson Sandro Lozada no contedor do lixo e máis no hospital. Neste caso, os autores da feitoría esquencéronse de que a alma se lles foi tamén no recipiente xunto coas bolsas de desperdicios e vai ser difícil que a atopen porque neste caso ninguén puido vela como Javier López e Manuel Marta viron o brazo alarmado de Wilson.