Beber

VICENTE DE LEMA

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

11 sep 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

O ALCOOL é algo que leva séculos e séculos metido na nosa cultura. Non hai máis que lembrar as celebracións que na Grecia clásica lle adicaban ao deus do viño Baco, que, na realidade, xa non o inventaran de novo, pois viña a ser unha deidade copiada doutras culturas. Seguramente, para moitos, e sen sabelo, o do viño foi invento máis celebrado ca o do lume ou o da roda. Hai que ver as trompas que os romanos tomaban a conta de Dionisios. O caso é que quen máis e quen menos zugaba ben do vaso ou do que lle cadrara e téñense perdido reinados e facendas ben boas a conta dos excesos etílicos. O que sucede é que tanto nos ten que algún emperador de Roma ou algún ocupante do trono destes ou doutros reinos empinasen o códavo en exceso. O que de verdade preocupa é que alguén cunhas copas de máis lle leve por diante a un vida en calquera estrada nun día de festa. Non hai peor desgraza ca unha vida perdida a crendas, sen beneficio, a cambio de nada, coma quen a tira por un augueiro. Pero a onde quero chegar é aos comas etílicos que se produciron estes días nas grandes celebracións da bisbarra. Xente nova que bebe ata perder o coñecemento. Moita falta hai que ter de todo, ou de nada, para chegar a estes límites. Unha cousa é pillar unha boa, e outra é beber ata o límite, froito dun desquiciamento difícil de explicar. Casos absolutamente irracionais coma o que sucedía esta fin de semana nunha vila soneirá: un adolescente tivo que ser trasladado ao hospital porque un borracho deu en mallar nel coma en centeo verde por unha cuestión de ciumes. Ou agresións a bens ou obxectos públicos ou privados polo mero feito de facer mal. É unha mágoa que as alegrías teñan que rematar con danos. Ata hai competicións para ver quen é capaz de tragar máis. Coma en todo, hai que ter sentiño, ata para perdelo.