Máis do que parece

FARRUCO GRAÑA

CARBALLO

CASAL

NOVOS TEMPOS | O |

07 sep 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

NACÍN NA vila. Meus pais na aldea. Meu fillo na cidade. E se chego a ter netos, nazan na aldea, na vila ou na cidade, ogallá aínda conserven a perspectiva deses tres mundos. Cando de cativo me acercaba á festa a Montemaior ou Calvelo (Sofán) tiñamos que facer uns quilómetros a pe por pistas e corredoiras. Vou ser optimista, non rían á miña conta: nun par de anos achegarémonos por autovía desde Ribadeo ata Carballo. Algo máis tarde, ata Fisterra. Unha prima miña residente en Londres desde hai moito tempo sempre me comentaba que ían douscentos anos por diante no que a vida urbana se refire. Madía leva! Como que a Revolución Industrial xurdiu alí e aquí achegóusenos moito mais tarde e moi por riba. Cos meus alumnos en Asturies comparei en varias ocasións o mundo das cuncas mineiras co noso entorno rural. No século XIX, os mineiros asturianos combinaban os seus traballos na mina cos labores do campo. Mais tamén compartían experiencias con xentes doutros contornos grazas ao tren. Polas vías circulaban os vagóns con mercancías... e tamén con ideas. Aquí, en Bergantiños, non chegamos a coller o tren. E no resto do país, tarde, mal e arrastro comparado con outros lugares. Bonito soño truncado cada etapa de recortes nos orzamentos públicos. Con todo, os cambios experimentados en vías de comunicación e hábitos laborais van constatando unha gradual transición. Lenta, é certo; pero irreversíbel en boa medida. Lembran a moitos dos nosos parentes emigrados a Suíza, ou Alemaña, ou...? Durante anos gozaron dos meses de vacacións cun sen fin de traballos do campo. Dun tempo a esta parte, ata van pasar uns días ás Canarias. Antes sería cualificado pouco menos que de soberbia. Agora, vese como algo normal. Cada vez imos incorporando máis hábitos urbanos á nosa maneira de pensar. E facémolo sen darnos conta, naturalizando o que anteriormente viamos como estraño e alleo. Por iso precisamente non nos decatamos moi ben de que imos cambiando. Pero facémolo. Teñan coidado os que se empeñan en querer fixar vellos clixés. Sentimentalmente pode consolar. Mais non permite esa actitude coñecer como e canto foron evolucionando as cousas, a nosa maneira de entender a vida.