MEMORIAS RIOPRATENSES | O |
07 sep 2006 . Actualizado a las 07:00 h.O PRIMEIRO Consello de Comunidades Galegas tivo lugar en xullo de 1985 en Santiago de Compostela. Pasaron 21 anos. Vén de rematar o oitavo, e xa se pode mirar atrás para soster con convicción que foron vinte anos case perdidos. Houbo nos primeiros anos un director xeral ourensán que presentou a Lei de Recoñecemento da Galeguidade. Logo apagouse a luz. Son demasiados anos sen política de emigración porque supoño que haberá acordo unánime en que afirmar que o paréntese do goberno tripartito de González Laxe non tivo espazo temporal para case nada. Así e todo foi o breve tripartito quen estableceu un grande aumento nos orzamentos de Emigración. Se non houbo debate ideolóxico sobre a emigración foi porque unha ampla maioría parlamentaria non o quixo. Nos primeiros anos oitenta en Montevideo comeza a xermolar un movemento empurrado por un reducido grupo de dirixentes que desexan unha unidade de acción entre as sociedades galegas. Algo de tanta importancia xa que estamos a falar do futuro da cultura galega en América non recibiu apoio nin entusiasmo ningún desde a Casa da Parra (alí estaba Emigración) e naceu unha Unión coxa, porque a máis importante institución montevideana, a Casa de Galicia, non participou na súa fundación. Presidente O actual presidente da Unión, Carlos Porteiro Díaz, está curtido nas loitas da colectividade. Fixo a súa aprendizaxe nas ringleiras do Centro Bergantiños naqueles anos fundacionais nos que as asembleas eran realmente apaixonantes porque algúns querían ser presidentes sen o apoio maioritario dos socios. Os pais de Carlos e da súa irmá Isabel son de Coristanco. Foi no Centro Bergantiños no que Carlos fixo a súa aprendizaxe e así foi que no recente Consello en Santiago afirmou que as sociedades galegas deben autofinanciarse porque os recursos de Galicia non se poden estragar en centros sen actividade. O compás PSOE-BNG marcará o roteiro para o urxente establecemento en sede parlamentaria dunha Política de Emigración, así con maiúsculas, que será de aplicación nos múltiples e variados mundos da emigración galega. Será o novo goberno autonómico bipartito quen poña as castañas no lume ou o asado na parrilla para que nunca máis se escoite falar nun Consello de Comunidades sobre temas que deberían estar lexislados hai tempo.