Construción

VICENTE DE LEMA

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

04 sep 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

UN QUEDA abraiado co desenvolvemento urbanístico das nosas vilas. Hai grúas por todas partes. Cada día vense novos edificios. Uns tápanlle as vistas aos outros. A quen mercou un piso fronte a praia, da noite para o día puxeronlle outro diante e non ve area. Mercar un piso nunha vila con vistas ao mar é case imposible para calquera que viva dunha nómina. Aínda así a xente fala da segunda ou da terceira vivenda coma se as regalasen. As hipotecas fírmanse coa ledicia de quen dá un autógrafo. É máis. Agora un alpendre con acceso visual ao océano Atlántico ou a desembocadura do Anllóns, do Grande ou do Xallas págase a prezo de ouro. Se ten unhas paredes vellas dende as que se vexan os dominios de Atlas, non as derrube. Non se lle ocorra. Poden solucionar o seu futuro. Non hai máis que ver como algúns profesionais do ladrillo que non hai moito se desprazaban en furgonetas C-15 agora conducen flamantes Mercedes ou BMW series cinco, polo menos. O cemento cotiza en bolsa e alcaldes, concelleiros e técnicos municipais viven ledos de marisquería en marisquería tratando de facer de rústicos urbanos e de áticos baixos cubertas con tres dormitorio, cociña e comedor. Coñezo un amigo da infancia que hai nada mercou un pisiño para ir pasar o verán a un pobo mariñeiro. Con certo esforzo tratou de melloralo e do día para a mañá pagáronllo o doble do que lle custou. Colleu tal vicio do conto que agora meteuse a promotor e de andar en Opel Astra posou a capitanear un 300 da estrela alemana. E moito máis que espera. Os negocios inmobiliarios son o futuro da Costa da Morte. Quen perda a onda non vai ver un cadelo. O de emigrar a Canarias xa é un conto. Non faga caso, tire coa paleta ou co que teña na man e fágase promotor. Vivirá coma un rei.