Fin do verán

ELISA ÁLVAREZ CASÁIS

CARBALLO

TERRA E XENTE | O |

01 sep 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

«A fin do verán sempre é triste», dicía aquela canción de Danza Invisible. Remata agosto, mes por antonomasia das vacacións, do relax, da calma, e chega a depresión post vacacional. O mal rato que se pasa cando hai que ir pensando en volver á gran cidade, verlle de novo a cara ao xefe, volver a erguerse ás seis, chegar ás dez... Hai que intentar alonxar eses malos pensamentos mentres se van facendo as maletas, alongar as horas un pouquiño, agarrarse aos bos momentos, as festas, as cañas pola tarde nas terrazas, as tardes de pesca -sos no medio do océano-, as sensacións pracenteiras, as aprezadísimas lembranzas do verán que levarán gardadas baixo chave, para coller man delas nos intres de baixón do longo inverno, cando se vexan outra vez nos atascos, nos bocinazos, nos malos fumes da gran cidade. En fin, mellor non pensalo. Os que vivimos aquí neste privilexiado recuncho das Rías Medias, como antes lle chamaban, ata que alguén, por mal nome, lle puxo Costa da Morte, temos tamén os nosos contratempos, pero para contrarrestalos temos a vantaxe de que, aínda que pronto nos incorporaremos ao traballo, o trance non será tan traumático porque seguiremos vivindo aquí, inmersos na mesma paisaxe, envoltos polo azul do ceo e o olor das algas e dos piñeiros que se salvaron da queima, a carón do mar e da natureza, coa mesma ou, se cabe, máis calma, despedíndonos pouco a pouco dos longos días de verán que cada día se van facendo máis curtos. Estricando ao máximo o bo tempo antes de que chegue o inverno.