ARA SOLIS | O |
09 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.NALGUNHA PARTE de Galicia, días antes de que a traxedia dos lumes se convertese na auténtica catástrofe na que ao final veu sendo -e que non siga-, chamábame a atención que certa xente non colaborase na extinción dos lumes. Si, é certo que nas últimas xornadas, cando as lapas se levaban todo por diante e o fume tinguía de negro os ceos do verán, (case) todo o mundo se volcou, sobre todo para defender a propia casa, pero iso non ocorreu cando os lumes estaban a centos de metros e nin se albiscaba o que estaba a punto de ocorrer. Moitos miraban, esperaban aos equipos de extinción e pregaban para que a cousa non empeorase. Isto é sorprendente. Outros naceron (nacemos) na cultura da axuda mutua e de actuar ao primeiro fume. Por se acaso. Lembro de pequeno cando empezaban as lapas, ao lonxe, que todo os veciños colaboraban. Quen non o facía estaba mal visto, pero eu penso que non era por vergoña: realmente existía esa solidariedade. Moi fundada: evitar que se achegase a aldea e e de paso que non ardese a madeira, que era un bo sustento (case pagaban máis por ela antes que agora). Iamos con cisternas, con paus para mallar. Cortábase un pino novo, por tanto verde de arume, e a sacudir. Fose na finca do que fose. Si, non había tantas cuadrillas, pero tampouco boas pistas para moverse. A diferenza era que os montes estaban limpos, moitos rozados, e a leñada era excepción. Hoxe, algún mato pon medo. Así pasa o que pasa. Non non enganemos, tolos que poñen o lume houbo toda a vida. Mesmo me acordo dun caso no que un home fixera unha queima en pleno mes de xuño, así, sen máis. Escapoulle e todos a apagar. Son o problema, os miserables ou os que non dan máis de si, pero non son todo o problema. Este monte xa non é aquel que había, pero sospeito que tampouco nós somos os mesmos.