Entrevista | Diego Ríos Noya O crego de San Salvador xubílase despois de 24 anos ao servizo da comunidade parroquial rural máis grande do municipio de Carballo
05 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.Motivos de saúde adiantan a xubilación do cura de Sofán. Diego Ríos Noya deixará o mes que vén a parroquia rural máis grande do municipio de Carballo. Pero tras a súa marcha hai máis razóns que os achaques propios da idade. - ¿Marcha vostede por unha cuestión de saúde? -Estou enfermo, si, teño arritmias e cánsome moito, pero, bueno, tamén xa teño idade. Cando vin para aquí fíxenme o propósito de trasladarme a unha parroquia máis pequena cando cumprise os 65 anos, e xa teño 72. A terceira razón é que non podo atender as miñas obrigas. Pero tamén marcho porque eu sempre pensei, dixen e defendín que as persoas, cando chegan a certa idade e teñen os seus achaques, teñen que deixar paso a outras. Así que, tamén por coherencia persoal, debo xubilarme. - ¿E non lle dá pena despois de tantos anos? -Xa fixo 24 anos en xuño, e si, dáme pena porque estou moi a gusto e penso que a xente comigo tamén, e sinto deixalos, pero as cousas son así. Non resolvo nada quedándome dous anos máis. Hai poucos curas, pero a Igrexa non pode estar apoiándose en curas vellos que non poden atender as súas obrigas. - Así que estas son as últimas festas en Sofán... -Seguramente si. Deixarei que pasen e seguramente o mes que vén ireime. - ¿Cal é o seu destino? -Marcho para Sigüeiro, a descansar, pero axudarei no que poida cando falte un párroco ou para calquera labor. Penso que é necesario ter máis curas liberados para atender as urxencias que soen presentarse. - ¿Que é o mellor que leva de Sofán? -O mellor, o a gusto que estiven aquí. Quero moito á xente e penso que eles me queren a min. E levo tamén a satisfacción de colaborar na fundación de practicamente todas as asociacións.