Os médicos

VICENTE DE LEMAS

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

19 jul 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

AOS MÉDICOS e persoal sanitario algúns debémoslle a vida e máis a saúde. Non cabe dúbida de que quen máis ou quen menos está en débeda cos profesionais da sanidade. Aínda así hai momentos nos que a xente se queixa do trato que recibe nos centros sanitarios. Nunha tertulia falaban onte de que un día destes armouse unha boa no de Carballo. Un veciño estivo chama que chamara e ninguén lle collía o teléfono. Logo pediu un taxi e dirixiuse a urxencias para que o atendesen. O seu enfado foi maiúsculo ao comprobar que había persoal sanitario perto do aparato de teléfono, fixo unha proba e chamou polo móbil, pero os que estaban alí seguían lareando e non lle facían caso ningún á pitada. O caso é que a discusión non houbo de acabar ben. Pero non sempre é así. Un ten que confesar que sempre atopou xente moi atenta en consultorios e hospitais e ten a sensación de que, á marxe da cualidade de cada quen, todos tratan de cumprir co seu. Hai que dicir que hai moi bos profesionais da medicina, xente moi atenta e competente que trata de resolverlle os problemas aos doentes. E tamén hai pacientes de moitas clases. Un día destes acompañei a un parente a facer unha endoscopia. Na sá de espera había unha muller que non facía máis ca latricar. Protestaba que se chegara ás dez, que non podía ser que a tivesen toda a mañá de espera, preguntaba cando lle tocaría, dicía que tiña que volver para a casa porque o marido estaba só e así todo o tempo. Unha vez acometía a unha enfermeira, logo a outra, despois a un médico. Non paraba. Ata que lle chegou o turno e alá foi. Suponse que a proba non debe ser nada doada nin agradable. O caso é que cando a muller saío para o corredor viña amansada. Non se tiña e ía da man dunha irmá, calada e un pouco mareada. «Agora seica domeou», dixo alguén dos que estaba na sá de espera.