Río revolto

VICENTE DE LEMA

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

14 jul 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

UN TENENTE de alcalde de Zas arreboloulle un vaso na cabeza a un rapaz do seu concello porque seica lle dixo que non lle votara hai tres anos e non pensaba votarlle dentro de dez meses nin nunca. O pobre rapaz seica tivo que recibir asistencia médica. É un caso ben raro, porque o que adoita pasar é que os concelleiros sufran a carraxe dalgúns cidadáns incomodados por algún decreto ou acordo municipal, pero o estraño é que un edil tome desta maneira a xustiza pola súa man. Claro que hai que ter en conta a consumición de cubalibres que houbese polo medio porque serían determinantes en tan sorprente acción. O caso é que o tenente de alcalde xa non o é ou vai deixar de selo. Non se sabe se como consecuencia da agresión ao seu viciño ou porque outro munícipe moi dado a cambiar de vestimenta política puxo en peligro a estabilidade do goberno local esixindo o soldo ou, o que é o mesmo, a cabeza do agora demisionario. Se deixa a política porque a conciencia o ten amolado polo incomprensible acto violento cometido nas festas de Santa Sabina, hai que recoñecer que se trata dun xesto de dignidade non moi habitual no mundo político da Costa da Morte. Xa se sabe que a culpabilidade é un saco de pedras moi pesado e difícil de cargar. Se é polas moedas do soldo municipal, outro galo cantaría. Nese caso, a demisión é o máis axeitado. Outro caso de agresión que quedou na historia da democracia na Costa da Morte foi o protagonizado polo actual alcalde de Vimianzo ao agora edil de Fisterra Xan García. O rexidor estampoulle unha botella na cabeza de García. Fora nunha voda e caso saíra con grandes caracteres no xornal. O dito, as augas baixan revoltas pola política de Zas e cando é así, a ganancia é para os pescadores de sempre. Haberá que mirarlle os cestos. Non vaia ser.