TRIBUNA ABERTA | O |
24 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.QUIXERA FELICITAR a Xan Fernández Carrera polo seu artigo publicado en La Voz o día 22 de xuño, titulado Un soño , felicitación que estendo ó anterior de Manuel Vilar Un faro fronte a Fisterra . O que hai que dicir respecto a como se debe aproveitar, non só o faro (e o cabo) de Fisterra, senón todos os demais dos que tanto presumimos (Santo Hadrián, Nariga, Vilán, Touriñán...) está nestes dous artigos. Quen teña ollos para ver que vexa, que tome nota e que deixe de ir detrás da pancarta das lamentacións. Moitos levamos anos defendendo que a Costa da Morte ten atractivos suficientes para vivir do turismo e evitar en parte a sangría emigratoria: aquí hai un paraíso en cada cabo, rutas naturais e artísticas que xa quixeran para si en calquera lugar de Europa; rutas que xa case sabemos de memoria. O que falta é iniciativa e imaxinación de certos rexedores. En prata: Fisterra debera ser o concello con máis ingresos por turismo da Costa da Morte. Se non o é, algo falla, e, desde logo, polo número de visitantes non hai queixa. E Muxía e Camariñas pouco menos, por non falarmos de Vimianzo que, aínda que interior, ten a maior riqueza megalítica da Galicia (por non falar dos seus pazos ou do seu románico). En fin: deixemos de laiarnos e tomemos dunha vez por todas a iniciativa.