Funcionarios

VICENTE DE LEMA

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

23 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

UNHA DAS teimas que hai na Costa da Morte é a da necesidade de empregos. Tradicionalmente, a nosa xente collía a maleta e marchaba. Primeiro, cara América. A xuventude marchaba toda en trasatlánticos con nomes míticos. As bágoas evaporábanse coma moitas esperanzas que tronzaban e traducíanse en esquencementos ou retornos derrotados. Logo veu Suíza. Os primeiros marchaban en trens lentos. Ían tan a modo aqueles vagóns que daba tempo a ir debullando os últimos recordos da moza, da muller ou dos fillos que quedaran cos ollos enchoupados pola despedida. Tamén, como non, había soños de esperanza, que máis ou menos foron collendo forma. Moitos atoparon un fogar. E agora, despois de moitos anos, van retornando de vagariño para completar o seu proxecto vital interrompido pola necesidade. Ven todo isto a conto de que o emprego é a causa principal de mobilidade da nosa poboación. Se a xente marcha é porque non hai postos de traballo dignos e ben remunerados. O tema anda quente esta tempada porque, precisamente, a ocupación laboral emprégase coma arma nas liortas políticas. Un alcalde que pasou máis de dez anos sentado no principal sillón de seu Concello comentaba un días destes que non había mellor ocupación ca de funcionario municipal. Nin sequera os outros empregados públicos teñen as súas prerrogativas. Non quero reproducir nestas liñas as referencias a adxetivos que o ex alcalde lle adicaba a estes traballadores, pero, dende logo, non lle aledarían os oídos ao colectivo. Claro que agora non é coma antes, nos que conseguían o choio a dedo. Agora hai oposicións, anque ben é certo que hai casos e casos: un concelleiro soneirán, animado por uns chupiños, confesaba unha vez de moi mal humor que un enchufado seu non fora quen de aprobar o exame a pesares de que lle dixeran as preguntas.