«Os penedos son un reclamo»

La Voz E. E. | CEE

CARBALLO

Entrevista | Xosé María Lema A entidade que preside é unha das organizadoras dunha marcha que hoxe percorrerá os máis interesantes monumentos naturais na zona de Pasarela para reclamar a súa conservación

10 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

O Seminario de Estudos Comarcais é unha asociación que leva tempo loitando na defensa dos penedos de Pasarela. É unha das que promove unha marcha que sae hoxe, ás dez e media da mañá, da praza do Concello, en Vimianzo, para que quen se apunte coñeza un patrimonio natural único. -¿Como se plantexa a marcha de hoxe? -É unha actividade reivindicativa, que serve tamén para dar a coñecer un monumento natural que moitos na comarca aínda non viron. É un xeito de poñelos en valor. -¿Serven os penedos para fomentar o turismo? -Os penedos son un reclamo turístico sen negunha dúbida, como o é a Cidade Encantada de Cuenca. Limpando ben os camiños e facendo unha ruta sinalizada, poderían incluso xenerar ingresos en Pasarela. Rapaces e rapazas de alí poderían facer de guías cobrando unha entrada, porque para que se valore unha cousa, hai que pagala. -Que teñen de característico estas formacións xeolóxicas. -Literariamente xa falou delas Pondal, xeolóxicamente, Isidro Parga Pondal deulles moita sona. Son pedras moi luminosas, que configuran paisaxes únicas no mundo. Ten razón Vidal Romaní cando di que é unha barbaridade facer algo nos penedos que non sexa protexelos. -Os de Pasarela non son os únicos da comarca. -Falamos máis deles porque son os que corren un maior perigo, pero hainos en Traba, en Braño, no Pindo e de Camelle a Arou e cabo Vilán. Poderíanse facer varias rutas distintas con eles, e con algo de publicidade, como os Batáns de Mosquetín ou as Torres do Allo, seguro que terían moitos visitantes, sobre todo na primavera e no verán. Iso e o parque do megalitismo serían dúas boas atraccións para o turismo.