Estradas

FRAN EIRÍS

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

09 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

XA ERA hora de que, algunha vez, algún goberno da Xunta se acordase dos que vivimos na Costa da Morte. De que polo menos alguén se achegase ata aquí a ver en que lamentables condicións se atopan as nosas vías de comunicación. Pois ben, non é sen tempo, pero semella que algo van mellorar as malas infraestruturas da zona. Tal e como prometeu o actual presidente da Xunta hai unhas semanas en Vimianzo, imos ter un substituto para a pobre AC-552, un corredor entre Carballo e Cee. Boa falta facía que fixesen algo dunha vez, aínda que sexa unha promesa a longo prazo. Pero non por iso imos deixar de pedir que nos melloren as comunicacións cara o outro lado, é dicir, cara A Coruña. Está ben que nos melloren as estradas ata Cee, pero son moitos os condutores da Costa da Morte que non se deteñen en Carballo e moitos os carballeses que van cada día cara A Coruña. E, como ben saberán os que ata alí teñen que desprazarse todos os días para ir ao traballo, os accesos pola AC-552 deixan bastante que desexar. Por un lado está o estado da estrada e, por outro, a gran densidade de tráfico, que fai que unha viaxe de 33 quilómetros se converta nunha odisea. A distancia física non será especialmente grande, pero calquera o diría polo tempo que leva facer o traxecto. Sobre todo en hora punta, cando todo o mundo ten que entrar a traballar ou cando todos volvan do traballo. E que dicir cando vas detrás dalgún camión nesas lentas peregrinacións que mais ben parecen os pasos de Semana Santa. Claro que outra alternativa para ir e coller a autoestrada, que como tal deixa bastante que desexar. E aínda por riba está o prezo dos combustibles, que, sumado ao custo da peaxe, case fai que te prantexes se che compensa ir traballar, porque a metade do salario xa o deixas no camiño. A ver se a alguén se lle ocorre outra alternativa. E, por favor, que o diga.