OS GRUPOS municipais que conformamos a corporación municipal carballesa apresentamos a seguinte proposta para eliminar a peaxe na autoestrada AG-55, A Coruña-Carballo, a urxencia da construción da vía proxectada ate Cee e Fisterra e a súa prolongación ate o Porto Exterior e A Coruña e a incorporación da estrada Carballo-Santiago á Rede de Estradas de Galicia. Hoxe en día, ninguén descoñece a importancia das vías de comunicación como un factor clave, aínda que non exclusivo, para o desenvolvemento de municipios, comarcas, comunidades autónomas..., ao facelas máis accesibles e atractivas para as diversas actividades económicas e sociais. Na ampla área xeográfica na que estamos encadrados, a Costa da Morte, temos un retraso histórico en infraestruturas de toda orde, especialmente no que se refire a vías de comunicación, o que incide notablemente en diversos desequilibrios: territorial, espacial, renda e competividade das nosas economías. Esta corporación, sendo consciente desa situación, que vén arrastrada de anos anteriores, insiste na necesidade de fomentar a accesibilidade a estas terras de Bergantiños, Soneira e Fisterra. Por iso, un primeiro paso nesta senda é a eliminación da peaxe na autoestrada AG-55, A Coruña-Carballo. Debe ser empeño de todos, tanto entes públicos como sociais privados, procurar a vertebración territorial e o desenvolvemento integral da Costa da Morte, o cal pasa irrenunciablemente por potenciar as vías de comunicación para conectarnos con outras zonas da provincia, nomeadamente coa área da Coruña e a de Santiago de Compostela. Por iso, dende o Concello de Carballo instamos ao Goberno da Xunta de Galicia, Conselleria de Política Territorial, Obras Públicas e Transporte e Deputación Provincial o seguinte. 1. A eliminación da peaxe na autovía AG-55, entre A Coruña, Arteixo e Carballo. 2. O inicio, á maior brevidade posible, da construción da Vía de Alta Capacidade ate Cee e Fisterra, incorporando o vial de circunvalación proposto para o noso municipio. 3. Dar nova solución á comuniciación dos polígonos industriais e poboacións de Carballo, A Laracha e Arteixo co Porto Exterior e a Capital da provincia 4. A incorporación da estrada Carballo-Santiago á Rede de Estradas de Galicia.