VÉN A CONTO | O |
22 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.NESTES TEMPOS en que andamos e que tanto preocupan polo envellecemento da poboación da Costa da Morte, pola baixa natalidade, pola fuxida dos mozos máis preparados que nunca tivemos na nosa historia -en busca dunha vida mellor, aínda cun futuro moi incerto nos lugares de destino-, queda aquí xente maior con problemas de coidados e afectos, cunhas carencias importantes en infraestruturas no eido social: centros de día, centros de servizos sociais, residencias asistidas, programas de axuda a domicilio e menos axudas de acollida a familias. A traxedia humana é dobre: o desarraigo dos que fuxen e sofren por ter que deixar a terra na que naceron e creceron e a saudade de moitos maiores que, con poucas posibilidades de pagar unha residencia, aínda lonxe do seu entorno, vense condenados a rematar os seus días, en moitos casos, en condicións infrahumanas. Os nosos maiores, onte fillos daqueles que emigraron a América en busca dun mundo mellor, que non volveron a ver aos seus pais, hoxe avós dos que buscan outras xeografías para vender a súa mellor forza de traballo, os que sufriron unha guerra e as consecuencias políticas, económicas e sociais, merecen un mínimo de atención: vivir os derradeiros días da súa vida na súa casa ou no seu entorno, rodeados dos seus, ou cando menos, nunha residencia encravada na comarca. Estes días perdemos en Corcubión á avoa da Costa da Morte, a señora Pepa do Patrón, con 104 anos, que viviu e morreu chea de alegría, rodeada dos seus fillos, netos e bisnetos, coidada como a principal na súa casa, co sacrificio da súa filla e demais familiares que nos deron un exemplo de humanidade e carniño que nos debe servir para reflexionar sobre algo tan importante como é o respecto aos nosos vellos e a principios fundamentais da solidariedade interxeneracional. Se así non o fixeramos, cumprirase o dito popular: «Tal ver, tal esperar».