Viaxe sideral

FARRUCO GRAÑA

CARBALLO

O RECUNCHO DA CIENCIA | O |

16 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

ACHEGÁNDONOS Á exposición que estes días podemos disfrutar no Museo de Bergantiños contemplaremos os logros dunha carreira, a espacial, que sempre espertou unha enorme admiración ao longo dos tempos. Sendo eu rapaz incluso escoitei dicir a algún escéptico que iso fora todo un invento, que o de ir ata a Lúa non era posible. Máis optimista ca esa persoa, e uns séculos antes, Johannes Kepler (1571-1630) si que se atreveu a soñar con viaxes siderais. En Somnium (O Soño, 1634), relato precursor das nosas novelas de ciencia ficción, acudiu á figura da súa nai (procesada por bruxería) para elaborar enfeitizos que impulsaran aos navíos que se habían desprazar polo espacio sideral. Hoxe sabemos todas e todos que non fan falta tales recursos cabalísticos para impulsar as naves e transbordadores espaciais que se desprazan máis alá da Lúa e dos planetas. Poren, precisamos (entre outras cousas) do xenio de Kepler: as súas leis do movemento dos planetas. Con Kepler deuse un salto moi importante na astronomía: abandonouse a vella idea de que os planetas describían unha órbita circular. Xa Copérnico fora quen de abandonar a idea de que a Terra, e non o Sol, era o centro do Universo. A cosmoloxía aristotélico-ptolemaica vixente durante séculos, foi cuestionada polo astrónomo polaco. Tamén Galileo, por suposto, lle dera un enorme impulso á ciencia moderna creando a física-matemática e deixando atrás a idea de que a Terra (no centro) era imperfecta e a partir da Lúa todo era perfección absoluta. Se a Terra é distinta da Lúa e os planetas, tamén a física terrestre debería ser diferente da física celeste (así o defendía Aristóteles). Pero iso non é así. Ben claro o deixou Galileo. Sistema planetario Kepler tamén sentiu esa necesidade de unificar física terrestre e celeste. Constatou a importancia do papel que xoga o Sol no sistema planetario e explicou con meridiana claridade a relación matemática existente entre o movemento duns astros e outros. Creou un sistema solar, pois como tal concibiu o movemento dos planetas, como un sistema. Se ben Galileo é o creador da física-matemática (válida na Terra e nos ceos) non foi quen de abandonar a concepción tradicional das órbitas como circulares. Kepler, quen chegou a intuír a gravitación universal (despois proposta por Newton), si se atreveu a abandonar o prexuízo da circularidade e propuxo as órbitas elípticas co Sol nun dos seus focos. As súas tres leis do movemento dos planetas están integradas na teoría da gravitación universal e son básicas para que os nosos satélites non se estrelen contra un planeta ou, no seu caso, se acheguen a el o xusto para aproveitaren a súa gravidade para coller impulso.