SE NA Costa da Morte queremos apostar polo turismo de calidade haberá que irse concienciando de que a grande maioría dos visitantes non veñen por aquí atraídos por ningún marabilloso hotel de cinco estrelas. A nosa potencialidade está na natureza. Somos millonarios en variedade de paisaxes. Hai mocidade emprendedora, formada e informada que logo de analizar todas as estatísticas dos últimos anos no sector turístico conclúe que o futuro está en saber vender un temporal en Fisterra, unha troita do río Grande ou un paseo polos penedos de Braño, Pasarela e Traba. O noso vento mareiro leva séculos taballando para nós en dous oficios: escultor e músico. A música digamos que foi algo natural. Sen esforzo ningún zoa que zoa por todos os currunchos, pero o de escultor xa lle levou máis tempo. Pasaba fungando durante meses por Braño, Pasarela e Traba. Facía sempre o mesmo roteiro ata que un día se lle ocurre frear e mirar aquelas grandísimas rochas graníticas do alto dos montes deVimianzo e Laxe. Pensou que algo había que facer. Eran unhas pedras picudas e agresivas. A súa visión non invitaba á contemplación. O noso vento quería harmonía e que a xente do contorno imaxinase nomes para cada unhas das formas saídas do seu cicel eólico: O Castelo, O Petón de Martiño, Pena Catadora, Pena da Águia, Pena Tellada, Pena Orelluda, Torre da Moa, Galla de Pena Forcada, A Cachucha, Pedra Grande da Barca. O noso irmán costeiro está feliz pola boa nova de que no Parlamento de Galicia, dous deputados do BNG veñen de presentar unha proposición non de lei para que os penedos sexan declarados Monumento Natural. O vento-escultor non ten dúbida ningunha que haberá unanimidade nos parlamentarios no Pazo do Hórreo porque o novo goberno autonómico amosa sensibilidade e responsabilidade cando se fala de empurrar para a mellora das condicións de vida nas comarcas de Bergantiños, Fisterra e Terra de Soneira. . Dinamizador cultural.