Os Penedos de Traba, monumento natural

MANUEL VILAR

CARBALLO

O PATRIMONIO AMENAZADO | O |

08 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

A PROPOSTA de declarar os Penedos de Traba, Pasarela e Braño como Monumento Natural é unha iniciativa que pode marcar o inicio dunha nova relación coa nosa paisaxe; pero é unha iniciativa que, por necesaria, non deixa de chegar tarde. Son os países modernos, e avanzados social e economicamente, os que promulgan leis para protexer o seu patrimonio cultural e natural. A protección da natureza é un dos grandes cometidos públicos da nosa época e está na axenda de todos os gobernos estatais e autonómicos. Na Costa da Morte é unha materia pendente e, semella, que vai custar aprobala. A Costa da Morte é reivindicada todos os días como reclamo turístico e, ás veces, como un lugar cargado de certo misterio, pretendendo darlle un halo exótico. Lonxe disto, a Costa da Morte ten unha das paisaxes máis impresionantes do noso país, pero que non está protexida. Por iso é unha paisaxe agredida todos os días: por industrias de enclave colocadas nos puntos máis significativos e sen pagarlle nada á sociedade que xa non pode gozar deses lugares; agredida por un boom urbanístico anárquico e que xa fracasou noutros lugares; agredida polos lumes, por pistas, etc. A paisaxe é un ben colectivo e un elemento fundamental para axudarlle á sociedade a vivir no seu contorno cunha mellor calidade de vida. Nunha paisaxe deteriorada e agredida a vida social dos seus habitantes tamén estará deteriorada. Unha das funcións do goberno nunha sociedade democrática é asegurarlles unha vida digna aos seus habitantes, e aquí entra tamén a protección da paisaxe. Os que intentan agredila, e os que están do lado dos agresores, están atacando un dos principios da nosa democracia e agredindo á sociedade. ¿Por que? Os motivos E ¿por que protexer os Penedos de Traba? Porque son unha mostra da nosa diversidade xeomórfica, unha páxina que garda un anaco da nosa historia: aquela que conecta o lugar cos seus habitantes e que nos fala da relación do medio natural co camiñar da sociedade. Os Penedos de Traba, Pasarela e Braño son un valor cultural, histórico e simbólico: foron cantados por Pondal, Isidro Parga Pondal deulle o nome de Traba a un tipo de granito (razón suficiente para protexer este lugar), son unha atalaia natural magnífica para vixiar o mar -por iso saben do paso polas nosas costas das naos con intención de nos atacar- e foron, tamén, fonte de recursos para os habitantes da zona nunha economía agraria. Por todos estes elementos xa deberían ser protexidos e mostrados como unha páxina importante da nosa historia: ou Traba non está mesmo no agromar de Galiza como unha realidade diferenciada. Ademais, a súa xeomorfoloxía permite crear esas formas vistosas que os caracterizan e singularizan. Pero a declaración de Monumento Natural terá que vir acompañada dun plano de xestión do espazo que permita unha explotación racional e xere tamén riqueza para os habitantes da zona. Turismo Sen dúbida, todos pensamos no turismo como un elemento importarte e dinamizador. Nestes momentos nos Penedos non hai turismo, nin «de bocadillo» nin do outro. Para que haxa turismo ten que haber unha mínima infraestrutura. Nos Estados Unidos, un dos países pioneiros na defensa do medio natural coa creación dos parques naturais xa no século XIX, os aventureiros invadiron o oeste en busca da riqueza mineira. Moitos pensaron facerse de ouro explotando os diversos minerais que se atopan no Gran Canón do Colorado, mais un destes mineiros decatouse, xa no XIX, de que a riqueza estaba no turismo e non na explotación mineira e deixou os picos e as pas para erguer a primeira infraestrutura hosteleira nesa zona. Hoxe ninguén pensa na diversa riqueza mineira que atesoura ese magnífico lugar. O problema son as moitas visitas. Mais o turismo non debe ser o único factor que se debe fomentar. Hai que potenciar a dimensión cultural, pero antes debemos coñecer ben ese contorno e destacar os seus elementos máis significativos. Por iso, acompañado da declaración terán que vir propostas neste sentido.